
Un episodio de fortes refachos de vento acontecido ao fío das 7 desta madrugada en Baiona causou graves danos na cuberta en obras dun dos edificios lindeiros coa gardería Galiña Azul, situada na rúa Arquitecto Palacios. Segundo puideron precisar fontes da Policía Local, o fenómeno meteorolóxico adverso arrincou uns ferros de panel sándwich do tellado levándose por diante catro chemineas que se precipitaron ao baleiro e acabaron impactando no aparcamento da zona residencial, por sorte, sen causar danos persoais.
Segundo explicaron desde a xefatura, foron os propios veciños os que deron a voz de alarma ao GES, que á súa vez pasou o aviso ao servizo de garda. Unha vez no lugar dos feitos, os axentes puxeron en marcha os protocolos de actuación co acoutado da zona e a habilitación dun itinerario seguro para os usuarios do centro escolar. Ao parecer, o fenómeno, similar ao dun tornado, produciuse desde o chan e foi en ascenso para acabar cebándose coas cubertas e os diferentes elementos danados, que a media mañá estaban a ser retirados por persoal cualificado.