PP e C’s piden a dimisión do alcalde de Baiona por permitir a celebración do Barbeira Season Fest sen autorización municipal

O PP de Baiona, tras ter acceso ao expediente completo nestes días, saca á luz que o alcalde, o socialista Carlos Gómez, permitiu a celebración do Barbeira Season Fest o pasado mes de setembro a pesar de que a empresa non contou en ningún momento con autorización municipal nin para a súa montaxe nin para o seu posterior desenvolvemento do evento durante un total de 9 días. Segundo os populares, ao non ter esta licenza, o goberno local tampouco cobrou á empresa organizadora a taxa correspondente pola ocupación do espazo público, unha contía que sería como mínimo de 40.000 euros.

Con todo, e sendo consciente de todo isto, o rexedor acudiu aos actos de presentación con total normalidade e animou aos cidadáns a asistir aos concertos a pesar de asinar dous decretos denegando o permiso, o primeiro en agosto e o segundo en pleno festival. Para os populares trátase dun feito “moi grave” sobre o que o alcalde e os seus socios no tripartito, BNG e NOS, teñen que dar explicacións canto antes para que se “depuren todas as responsabilidades”.

Ante a sospeita do que ocorrera, o PP, no seu labor de control e fiscalización, preguntou ao rexedor por este tema o pasado 15 de setembro no pleno ordinario, se desde o Concello deuse autorización á empresa para poder celebralo e, curiosamente, o alcalde negouse a contestar e emprazou a resposta ao seguinte pleno. Non foi ata un mes despois, no pleno de outubro, cando o portavoz do grupo municipal socialista de Baiona tivo que recoñecer que o Barbeira Season Fest levouse a cabo sen licenza municipal.

Pleno extraordinario para pedir a dimisión do alcalde

Por este motivo, o grupo municipal do PP e de C’s solicitou a través do Rexistro do Concello a convocatoria dun pleno extraordinario pedindo a inmediata dimisión do alcalde e do resto de concelleiros implicados no proceso. Deben de explicar urxentemente por que se actuou desta forma “irregular de xeito evidente, beneficiosa para a empresa organizadora e discriminatoria para todos os particulares e demais entidades que pagan a súa taxa correspondente antes do desenvolvemento da actividade como recentemente fixeron os da romaría de San Cosme e San Damián”.