Barrero e Lanchas seguirán crecendo no Vigo-Rías Baixas

Dous corredores que esta tempada estreáronse no pelotón Elite-Sub23 apostan por continuar no Vigo-Rías Baixas. O asturiano Martín Barrero e o abulense Cristino Lanchas seguirán formando parte en 2023 da estrutura presidida por José Luis Chamorro. Ambos renovaron a súa vinculación co conxunto flúor tras un ano de moita aprendizaxe.

O salto de categoría non resultou sinxelo para ningún dos dous. Por diferentes motivos, aos seus 19 anos, nin Barrero nin Lanchas puideron plasmar sobre o asfalto a proxección mostrada na súa etapa como júniors. Un cambio de nivel que grazas ao calendario que lles ofrece o Vigo-Rías Baixas comprobaron in situ nas probas máis prestixiosas do calendario español.

“A pesar de todos os obstáculos e ao complicada que resultou, o meu balance persoal é positivo”, sinala Barrero. Na súa primeira experiencia como sub23 a fortuna non acompañou ao asturiano: “No inicio da tempada collín a COVID e uns cuantos virus máis. Os resultados empezaron a chegar ao principio do verán, pero cando mellor estaba a atoparme atropeloume un coche en agosto. Ese accidente provocoume unha fractura de clavícula e xa non puiden correr máis”. O mozo escalador, xa recuperado da súa lesión, espera en 2023 “dar uns pasos adiante e seguir aprendendo. Vou a por todas”.

Tampouco tivo o seu debut soñado na categoría o abulense Lanchas. “Non rendín demasiado e non foi un dos meus mellores anos a nivel deportivo”, admite o do Barraco, que nunha campaña de aclimatación a un novo equipo e pelotón destaca “o apoio dos directores e da familia Chamorro”. Agradecido pola confianza, o seu obxectivo o próximo curso será “aumentar o nivel, mesmo por encima das expectativas que hai no club”.

A continuidade dos sub23 Barrero e Lanchas únese á anunciada a pasada semana do experimentado Noel Martín. A dirección do club pechou máis renovacións e traballa na incorporación tanto de novos corredores como de membros do staff técnico.