A madrugada do domingo finaliza o horario de verán

A madrugada do próximo domingo, 30 de outubro, termina o horario de verán que comezou o pasado mes de marzo. A finalización materialízase co atraso dos reloxos unha hora, de forma que ás 3:00 horas volverán marcar as 2:00 horas. Desta maneira, dáse obrigado cumprimento á directiva europea 2000/84/CE que afecta, sen excepción, a todos os Estados membros da Unión Europea. As primeiras disposicións sobre o horario de verán adoptáronse en Europa en 1980 e, desde o ano 2000, coa mencionada directiva, quedaron establecidas as regras que marcan o seu inicio en marzo e a súa finalización en outubro.

España, xeograficamente, está situada no fuso UTC/GMT+1, en coincidencia coa maior parte de Europa, fóra de Reino Unido, Irlanda e Portugal, que se manteñen no UTC/GMT+0. Esta adscrición de fuso é a que marca desde 1940 a “hora oficial” española, adiantada en 60 minutos á “hora universal”. Na latitude do noso país as horas de luz son as mesmas, +-10 no inverno e +-14 no verán, pero non amence ou anoitece á mesma hora no leste que no oeste, podendo haber máis dunha hora de diferenza dun extremo ao outro. Vigo, por exemplo, é a cidade europea na que máis tarde anoitece.

AFORRO ENERXÉTICO

A Comisión de Industria, Investigación e Enerxía do Parlamento Europeo publicou en 2018 un informe que sinala que, aínda que os cambios estacionais de hora poden producir aforros, estes son marxinais, e que non hai certeza de que os beneficios se obteñan en todos os Estados membros. O informe tamén indica que, aínda que pode haber aforros de enerxía en iluminación, non é tan evidente que ocorra o mesmo coa calefacción, que podería mesmo aumentar o seu consumo. Ademais, os resultados son difíciles de interpretar xa que están fortemente influenciados por factores externos tales como a meteoroloxía ou o comportamento dos usuarios.

En España non existen informes actualizados que permitan asegurar que o cambio de hora leve asociados aforros enerxéticos. Ademais, as novas esixencias de eficiencia enerxética en iluminación, nos sistemas de climatización e nos propios edificios, así como a progresiva introdución do autoconsumo, alteran significativamente as análises que orixinalmente se utilizaban para calcular estes datos.