Nigrán pon en marcha o abastecemento municipal de auga no Carballal e A Tarela

O abastecemento municipal de auga é xa unha realidade nos barrios de A Tarela (Nigrán) e O Carballal (Camos). Tras realizar un investimento de 177.156 € para a súa ampliación desde a rúa dos Pazos, o Concello de Nigrán xa pode fornecer ás preto de cen casas beneficiadas con esta ampliación. Os interesados en conectarse ao servizo deben acudir á oficina de Aqualia, empresa concesionaria, sita en Avda. Val Miñor, no 2 baixo, en horario de atención ó público (de luns a venres de 09:00 a 13:00) ou ben solicitalo por correo electrónico a nigran@aqualia.fcc.es facilitando nome, DNI, dirección, referencia catastral (recibo oral) e teléfono.

“A situación era preocupante na zona porque as traídas veciñais e os pozos particulares estaban practicamente secos, por iso precisaban do abastecemento municipal”, explica o alcalde, Juan González, quen lamenta o retraso de 6 meses por mor do preceptivo informe sanitario da Xunta (este trámite, obrigatorio en tubaxes que superan os 500 metros de lonxitude, foi solicitado oficialmente polo Concello o 28 de abril e a Xunta non o realizou ata este mes de outubro). “Afortunadamente, nestas dúas semanas a realidade tamén é outra ao recuperarse moito os acuíferos”, sinala o rexedor en referencia á suba de 11 puntos do encoro de Zamáns, pasando de estar ao 36,42% o 16 de outubro ao 47,01% a día de hoxe, gañando 1 metro de altura. “Hai que ser prudentes, pero é certo que estamos nunha situación moito mellor”, analiza.

O Concello realizou a finais de 2021 obras por valor de 177.156 € para ampliar a rede de abastecemento de auga inicialmente a 90 vivendas de Camos e A Tarela a través de tres conexións coa tubaxe xeral na rúa dos Pazos. Así, agora se beneficiarán as casas situadas na contorna de Camiño da Rega, Tarela e Grilo (Nigrán) e rúa do Seixo, Carballal, Do Río, Das Viñas e Avoa Carmela (Camos) sumando máis de 2.782 km, a posteriori, e desde este punto, se poderá dar servizo a zonas máis afastadas ao instalarse unha tubaxe a tal efecto.

Na parroquia de Camos o subministro público do Concello chegou por vez primeira no 2017 a través da rúa dos Pazos (ata o Centro Cultural), desde aí medrou no 2019 ata a rúa San Roque e, xa no 2020, e grazas precisamente á nova rede de abastecemento municipal na parroquia veciña de Parada, se fornece en Camos aos barrios de Castelo, A Lama e O Rial e ás vivendas situadas nas inmediacións da PO-332, rúa dos Pazos.

“Cando chegamos ao goberno no 2015 o fixemos co compromiso de levar a auga a todas as parroquias e en menos de 4 anos conseguimos non só achegar o servizo a Camos por vez primeira no 2017, se non que a totalidade de Parada o teña. Agora traballamos para continuar ampliando en Camos e chegar por vez primeira a Chandebrito, xa que existe unha clara demanda social ao respecto, como é lóxico”, sinala o alcalde, Juan González.