Nigrán investirá 345.000 € para realizar unha gran escavación no castro de Chandebrito e musealizalo

O Concello de Nigrán dará o pulo definitivo ao Castro de Chandebrito coa escavación máis ambiciosa ata a data. Con este fin o goberno local deu luz verde na comisión de contas de ayer (24.10.22) á consignación de 345.000 € (farase efectiva no pleno do día 31) para descubrir e poñer en valor 500 m² da súa cima e consolidar as anteriores intervencións ao tempo que se complementan. Nesta zona, o estudo de xeorradar feito por Árbore Arqueoloxía sitúa novas construcións sen identificar, moi posiblemente vivendas. En definitiva, esta actuación permitirá apreciar xa a simple vista a natureza do Castro como recinto tipicamente fortificado e ofrecerá, sen dúbida, maior información e máis precisa.

“O potencial é enorme e non queremos desaproveitalo, queremos situar a Chandebrito como un referente etnográfico de toda Galicia e con este fin levamos traballando todos estes anos”, indica Juan González, alcalde de Nigrán, quen destaca a absoluta colaboración da Comunidade de Montes e Veciños para poder levar adiante este obxectivo. “É o gran tesouro patrimonial do municipio e da comarca e traballamos xuntos para poñelo en valor”, subliña.

Esta gran escavación, restauración e posta en valor que poderá arrancar a inicios de 2023 afectará ás dúas terrazas superiores coas súas respectivas murallas en dous espazos diferenciados (a decisión destes lugares débese aos resultados positivos da prospección magnética con xeorradar realizada no 2021). A maiores, contémplase unha posible ampliación de superficie nunha zona de 25 m² exterior ás murallas onde o xeorradar tamén achegou existencia de restos arqueolóxicos. A intervención contempla o deseño e instalación dunha cartelería axeitada e acorde.

“Este é o Castro do Val do Miñor e Val do Fragoso que mellor se recoñece. Ao non ter sido repoboado con masa forestal (ou non hai constancia) é dos mellores conservados e o ser perfil resulta do máis pedagóxico”, indica o arqueólogo Celso Hugo Barba, responsable do derradeiro proxecto de escavación que, tras consignarse a partida orzamentaria correspondente no vindeiro pleno do 31 de outubro, poderá saír a licitación.

“Todos comprendemos que a cultura, o respecto ao medio ambiente e a actividade económica deben ir sempre da man, por iso desde o goberno local apostamos por facer investimentos como a musealización deste espazo único polo seu significado histórico e pola situación con incribles vistas á ría de Vigo e á comarca”, destaca o rexedor, quen resalta «a grandísima implicación da parroquia a través da súa Comunidade de Montes e Asociación de Veciños O Castro».

A última intervención no Castro, realizada polo Concello coa colaboración da Deputación e a Comunidade de Montes, data do ano pasado. Esta permitiu restaurar un tramo de aproximadamente 110 metros cadrados de muralla localizados na terraza superior e que xa quedara parcialmente á vista nas escavacións promovidas desde o Concello no 2019 nos 58 metros cadrados lindeiros, onde se atoparon tres construcións diferentes e outras dúas murallas a maiores. Esta iniciativa de 2021 confirmou un florecente comercio dos habitantes do Castro con Roma a partires do S.II a.C. habida conta da gran cantidade de ánforas romanas atopadas na muralla que se escavou. Igualmente, ratificou que foi habitado mínimo desde o S.VIII a.C.

Historia do Castro

O Castro de Chandebrito foi oficialmente escavado no 2008 nunha pequena intervención da Comunidade de Montes que permitiu situalo como habitado entre os séculos VI a.C ao II a.C, sen embargo, unha segunda investigación realizada no 2019 por Árbore Arqueoloxía a instancias do Concello de Nigrán amplía a ocupación do VIII a.C ao I d.C. É dicir, ten a súa orixe a finais da Idade de Bronce, nos inicios da cultura castrexa que tres séculos máis tarde se espallaría por toda Galicia dando lugar á maioría dos asentamentos coñecidos. Así o certifican as decenas de pezas atopadas (fusos de fío, la e liño, pedras de afiar, pezas de metal, unha conta púnica…) e os miles de fragmentos de cerámica de diferentes épocas da Historia e moi ben conservadas, algunhas delas con decoración profusa (apareceron desde ánforas romanas ou fenicias que certifican o comercio dos habitantes de Chandebrito cos pobos mediterráneos a cerámica propiamente castrexa). Así, a pesares da crenza popular de ser unha sociedade eminentemente guerreira, os antigos habitantes de Chandebrito vivían da agricultura y da gandería.