
Como xa advertiu o Partido Popular no seu momento, as obras da Praza Rosalía de Castro comezan a dar os primeiros problemas. “A falta de aparcamento, que ata o de agora para o alcalde era un invento da oposición, faise realidade, e con elo volven aparecer as protestas dos veciños e comerciantes da zona que comezan a palpar a realidade de como vai quedar a zona, cunha praza que non serve para nada máis que pasear por ela, e sen buscar unha alternativa para os veciños que viven na zona, despois de que se quitaran medio cento de prazas de aparcamento con esta obra”, asegura Paula Bouzós.
“As queixas por falta de aparcamento son un problema real no centro de Gondomar e está na boca de todos os veciños que baixan das parroquias e que teñen que dar varias voltas para atopar onde deixar o seu coche. No pleno do pasado 6 de outubro o alcalde xa dixo que a xente ten que ir acostumándose a aparcar en Mañufe e vir andando ata Gondomar. Nótase que el ten praza reservada e non palpa a realidade do que están sufrindo os veciños para atopar sitio onde estacionar”, engade a portavoz do PP.
“Outra das consecuencias da humanización de rúas e prazas sen a procura de alternativas para os coches -continúa Bouzós- é o peche cada vez máis xeneralizado dos comercios locais, ao contrario do que afirma Paco Ferreira, cando di que en Gondomar non hai comercios baleiros e que a xente peléxase por alugalos”. Dende o PP gondomareño afirman que o que acontece é máis ben todo o contrario, a xente non se arrisca a abrir negocios en Gondomar porque non ven no goberno local un apoio decidido por este tipo de comercio e botan en falta iniciativas para contrarrestar o peche dos negocios.
Afirman os populares que con todo isto o que o goberno municipal consegue é que os veciños vaian aos concellos limítrofes a facer as súas compras, onde teñen máis facilidades para desprazarse e aparcar, e máis agora que vai abrir un macro complexo comercial en Porto do Molle con tendas de toda índole. Piden a Paco Ferreira que mire polo comercio local, que mire polos veciños das parroquias que se desprazan ao centro e non teñen onde aparcar e que mire tamén polas parroquias.