
Os bebés nacidos en Nigrán virán cun agasallo baixo o brazo. O Concello ven de investir 3.000 € na compra de 100 caixiñas de madeira de “engaiolarte” para todos os neonatos que se empadroen no municipio. Cada unidade contén dous libriños especialmente destinados a bebés (en galego, ilustrados en cartón duro, para desfrutar co tacto, e con alto contraste) e un saquiño térmico de sementes feito a man (pensado para aliviar os cólicos do lactante, para o que hai que quentalo no microondas 20 segundos e poñelo na bandulliño do neno, por riba da roupa). As familias de Nigrán que, a partir de agora, teñan un bebé, poden solicitalo na Oficina de Información Cidadá ensinando o Libro de Familia e o Padrón ou se veñen a solicitar a Tarxeta Benvida.
“Esta iniciativa xa a levaramos a cabo con gran éxito a través de ‘Apego’ e agora a repetimos pola nosa conta para seguir tendo esta mostra de cariño e agradecemento coas familias que elixen Nigrán para criar aos seus fillos”, explica o alcalde, Juan González, quen subliña tamén o obxectivo de “promover o amor polos libros e pola lingua galega desde o berce”. As caixiñas foron encargadas á editorial “Engaiolarte”, que naceu no ano 2014 encargándose primeiramente de libros pensados para as idades máis temperás, que son os que conteñen as caixas: libros coidadosamente traballados, que ademais de divertir axudan ao desenvolvemento psicomotriz dos nenos.