O PP de Baiona acusa o tripartito de “desprezar reiteradamente a Sabarís”

FOTO: PABLO F. ESTÉVEZ // A rúa Julián Valverde de Sabarís é un dos principais motores económicos da parroquia baionesa.

O PP lamenta que o tripartito de Baiona, conformado por PSdeG, BNG e NOS, leva desprezando aos veciños da parroquia de Santa Cristina da Ramallosa e, concretamente aos de Sabarís, desde fai máis de tres anos. “Ningún dos proxectos que xa deixou canalizados o anterior goberno popular dirixidos a mellorar a vida dos seus cidadáns déuselles continuidade, aqueles que xa estaban executados deixáronos abandonados e, como era de esperar, non expuxeron nin unha soa iniciativa con este fin. Uns feitos que certifican que este goberno local considera a Sabarís e aos seus veciños de segunda categoría”, sinalan.

Para os populares, exemplos evidentes deste desprezo son, entre outros, que o Concello teña practicamente pechado o novo centro multiusos de Sabarís aos veciños, impulsado polo PP precisamente porque era a única parroquia sen este tipo de instalación, a pesar da demanda veciñal de espazos de convivencia e desenvolvemento das súas propias actividades. Con todo, o tripartito mantén aberto ao público diariamente e con persoal contratado o Multiusos Ángel Bedriñana. Cabe lembrar que a reforma do antigo Mercado de Sabarís supuxo un investimento superior aos 550.000 euros, pero só funciona como unha galería de arte. “Non se aposta polo seu pleno rendemento, prexudicando directamente aos veciños”, indican os populares, que xa reclamaron en reiteradas ocasións ao goberno local o seu funcionamento ao 100%.

Outro revés do alcalde, o socialista Carlos Gómez, e os seus socios do BNG e NOS, a Sabarís durante a lexislatura, foi a perda en 2020 dos 1,1 millóns de euros que a Xunta concedera ao Concello para realizar unha reforma integral da Praza Victoria Cadaval pola “inacción” do tripartito, segundo unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. E, o último e máis recente, é que deixou a Sabarís fóra do proxecto de dixitalización de aforamentos incluído no Plan de Sustentabilidade Turística do municipio, financiado con fondos Next Generation, no que si incluíu a rúa Carabela Pinta alegando que é a única vía que conta con Zona Azul. “O descoñecemento deste goberno local é tal que mesmo ignoran que na rúa Julián Valverde tamén está implantado este sistema de Zona Azul desde hai case unha década e, desgraciadamente, unha vez máis a parroquia de Santa Cristina da Ramallosa queda sen investimento”, conclúen.