No medio dun contexto económico moi complicado, onde a inflación segue golpeando o peto da cidadanía, Podemos Nigrán solicita ao Goberno Municipal que destine parte do remanente de tesourería para “protexer ás familias de Nigrán do impacto da inflación e o aumento de prezos dos produtos de consumo básicos”.
Desde a formación morada manifestan que “aínda que as familias traballan, debido á subida desbocada de prezos, os seus ingresos non permiten afrontar os gastos correntes, tales como encher a cesta da compra, pagar a hipoteca ou o alugueiro, abordar os gastos da educación dos menores, encher o tanque de gasolina ou pagar as facturas de subministracións básicas”.
Por todo iso, solicitan a posta en marcha de medidas dentro das competencias da administración local como poden ser:
● Implementar un sistema especial de pago personalizado de impostos municipais, para que a cidadanía determine canto e cando pode pagar en período voluntario.
● Axudas directas a autónomos/as e pemes.
● Axudas directas ás familias para gastos extraordinarios dos nenos.
● Reducir o recibo da auga, con bonificacións sobre a tarifa ambiental.
● Tarxetas nominativas prepagamento destinadas á compra de produtos básicos para familias vulnerables.
En Podemos Nigrán consideran que a Corporación Local ten que asumir a responsabilidade que a administración local ten de propoñer medidas que alivien as situacións de precariedade que atravesa gran parte da cidadanía de Nigrán ante esta nova crise económica derivada da inflación e que sufrirá especialmente o colectivo de persoas vulnerables.

