Nigrán forma a 13 veciñas desempregadas en xestión de almacén e manexo de carretilla elevadora

O Concello de Nigrán está a desenvolver un curso de “Xestión de Almacén e Manexo de Carretilla Elevadora” para as trece veciñas desempregadas do municipio que se inscribiron nesta acción gratuíta do programa FORMA-T. Cunha duración total de 138 horas, xa realizaron 40 horas de formación teórica e están coa formación e prácticas de manexo de carretilla elevadora en Porto do Molle (para concluír o curso farán 80 horas de prácticas non laborais en empresas). O obxectivo é mellorar a cualificación profesional e a capacidade de inserción laboral das participantes.

O Centro de Información ás Mulleres (CIM) do Concello desenvolve desde setembro o Programa FORMA-T, destinado prioritariamente a mulleres empadroadas en Nigrán en situación de desemprego. Así, ademais deste curso, se está a levar adiante o de “Mobilización e cambios posturais de persoas dependentes”, “Necesidades educativas especiais a través do ocio”, “Administración electrónica” e “Iniciación á informática”.