Baiona recibe ao alumnado do Instituto Lycée du Pays de Retz de Pornic

Baiona e a localidade francesa de Pornic dan un paso máis para reforzar os seus lazos cun intercambio entre alumnado de ambas as dúas vilas. Alumnado do IES Primeiro de Marzo acaban de chegar dun intercambio na Vila irmá de Pornic. Os estudantes conviviron durante unha semana, do 4 ao 10 de outubro, con familias do alumnado do Lycée du Pays de Retz de Pornic. Os baioneses, de entre 16 e 17 anos, estudantes de francés de 4º da ESO e de 1º de Bacharelato, acudiron acompañados da profesora de francés, Sofía Montes Vázquez.

O Alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, recibiu na mañá deste martes no Concello a un grupo de estudantes do Lycée du Pays de Retz de Pornic acompañados polo estudantado baionés. Unha visita máis especial, se cabe, pois está enmarcada nos actos organizados polo Concello de Baiona con motivo do 25 Aniversario do Irmandamento de Baiona con Pornic. O rexedor deu a benvida aos mozos e mozas resaltando “a importancia destes proxectos internacionais, xa que aparte de servir para que se coñeza Baiona no exterior, neste caso en Pornic, serven para afianzar os lazos entre ambos os dous lugares irmáns, moi unidos desde o irmandamento no ano 1997”.

Os mozos e mozas atópanse de acollida nas residencias do estudantado baionés que foi de intercambio a Pornic hai uns días. Chegaron á vila de Baiona o luns e durante toda a semana percorrerán diferentes zonas do municipio e realizarán distintas actividades. Logo da recepción na Casa do Concello de Baiona, o estudantado fixo un interesante percorrido pola Vila onde coñeceu a Capela de Santa Liberata e a Igrexa da Ex-Colegiata de Baiona e a súa historia da man de Avelino Sierra, que fixo de guía. O programa de intercambio foi impulsado e fomentado polo Concello de Baiona, que colaborou co instituto baionés para que os estudantes viaxasen ata a localidade irmá.

O Alcalde de Baiona comenta que “entendemos que o éxito dos irmandamentos fanos as persoas e por iso, ambos os dous pobos, fixemos especial fincapé en implicar á veciñanza no proxecto. Por iso, neste 25 aniversario queremos sentar as bases do futuro deste bonito irmandamento. Un irmandamento debe levar consigo un afán por compartir, intercambiar, apoiar, e como non, desenvolver actividades de forma conxunta para que a cidadanía teña oportunidades de establecer eses vínculos que, con intercambios como este, conseguimos estreitar entre os veciños e veciñas de Baiona e os de Pornic”.