
Concello de Nigrán, Comunidade de Montes de Chandebrito, Asociación de Veciños “O Castro” e Comisión de Festas de Chandebrito conmemoraron este sábado o 5º aniversario dos incendios que arrasaron a parroquia o 15 de outubro de 2017. O programa comezou coa creación do Bosque de Ucraína en Chans do Rapadouro, coa plantación de 12 salgueiros choróns, a árbore típica do país. No cartel indicativo do mesmo, unha pomba da paz coas cores azul e amarelo da bandeira ucraína.
A continuación, inaugurouse unha nova escultura realizada polo colectivo “Arte no Queimado”. Segundo explicou Juan Coruxo, un dos autores, esta peza xurdiu tras recibir unha chamada do IES Audiovisual de Vigo para facer un vídeo sobre o eucalipto. “Desde un principio cando pensamos a obra, nós non nos queriamos situar, nin a favor nin en contra do eucalipto. O único que pretendemos con esta peza é que a xente se informe, lea libros, mire e sobre todo reflexione o que e o porqué do eucalipto”.
A xornada finalizou coa actuación dos Alegres do Val Miñor. Mentres, os asistentes puideron gozar dun bocadillo de chourizo e castañas. Ademais, no transcurso do acto fíxose entrega das doazóns recadadas na parroquia a dúas familias exiliadas ucraínas residentes en Nigrán. Cada unha delas recibiu 2.000 euros.
O presidente da Comunidade de Montes, Víctor Vidal, destacou que “se fai cinco anos o monte comunal de Chandebrito previo aos incendios como moito tería un 5% de especies frondosas, un 80% era piñeiro e o 15% restante eucalipto, hoxe a situación reverteuse dunha maneira totalmente radical”. Segundo o representante dos comuneiros, na actualidade hai un 60% de eucalipto e de piñeiro e o outro 40% de especies autóctonas. Cinco anos despois máis de 5 millóns de euros investidos nesta parroquia, máis de 600.000 euros investidos pola propia Comunidade de Montes de Chandebrito.
“Temos preto de 60 novas hectáreas plantadas por arborado autóctono, que ademais rodean os núcleos da parroquia de Chandebrito constituíndo o que é esa franxa pasiva contra os incendios, que ademais se vai a terminar este ano cos traballos que se van a iniciar do primeiro parque forestal do Val Miñor, das que 12 das 40 hectáreas son aquí na parroquia de Chandebrito”, concluíu Víctor Vidal.