Nigrán continúa co Mes da Memoria Histórica coa proxección do filme “Mientras dure la guerra”

O Concello de Nigrán continúa coa programación especial polo Mes da Memoria este domingo 16 de outubro ás 19:00 horas no Auditorio Municipal coa proxección de “Mientras dure la guerra” (2019), película de Alejandro Amenábar que reflicte a postura do célebre escritor Miguel de Unamuno (Karra Elejalde) que pasa de apoiar publicamente a rebelión militar do 36 a cuestionala e rexeitala ante a deriva sanguenta da mesma. A proxección realízase a través do Cineclub Val Miñor Alice Guy e contará co coloquio posterior do profesor Alfonso Castaño. A entrada é de balde ata completar aforo.

A programación especial continúa o domingo 23 ás 19:00 horas coa presentación do libro de José Antonio Uris e Víctor Manuel Santidrián “A porta do inferno. O campo de concentración de Camposancos”, que se acompañará da proxección do documental de Antonio Caeiro “Aillados. A memoria dos presos de 1936 na illa de San Simón”. A seguinte presentación dun libro será o mércores 26 ás 20:00 horas con “Os anos do silencio. Represión e resistencia na provincia de Pontevedra (1936-1951)” de Xosé Álvarez Castro, en colaboración co IEM.

Un dos actos estrela será a proxección o xoves 20 de “La cárcel de curas”, documental vasco de 2021 de Oier Aranzabal, Ritxi Lizartza e David Pallarés que narra a historia da viaxe real ao que foron sometidos 53 relixiosos de Madrid, Galicia, Cataluña e País Vasco no seu traslado forzoso ao devandito penal de Zamora, que foi o único cárcere de curas do mundo. Á proxección acudirán os seus directores e algún dos relixiosos represaliados co fin de establecer un coloquio posterior.