Investigan a dous veciños do Baixo Miño por utilizar medios de caza prohibidos para a captura do xabaril

A Garda Civil investiga a dous veciños da comarca do Baixo Miño, por utilizar medios de caza non selectivos para a captura do xabaril, lazos, coa suposta finalidade de evitar os danos que estaban a sufrir nas plantacións de millo. Os dous casos investigados remóntanse ao mes de agosto deste ano. O primeiro deles foi no municipio do Rosal, onde se localizaron tres lazos nas proximidades dunha parcela cultivada con millo. Durante a inspección ocular que realizou a Patrulla do SEPRONA de Tui, observouse a estratéxica situación dos lazos no perímetro da leira, en cuxo interior se apreciaban varias plantas que xa foran danadas pola acción do xabaril.

A persoa responsable da plantación admitiu que colocara os lazos para previr os danos que estaba a sufrir, sen saber que estaba prohibido, por cuxo motivo se lle notificou a súa condición de investigado como presunto autor dun delito contra a flora, a fauna e os animais domésticos. Por mor dunha alerta cidadá tense coñecemento doutro caso de similares características no municipio de Tui. Nesta ocasión foi o condutor dun vehículo o que informa de que tivera que liberar a un can que atopara atrapado por un cepo nas proximidades dunha leira de millo na parroquia de Ribadelouro.

Cando a patrulla do SEPRONA foi a inspeccionar a zona acompañado dun Axente Medio Ambiental do Servizo de Conservación da Natureza da Xunta de Galicia atoparon o cepo metálico que supostamente atrapara o can e a escasos metros dous lazos situados en sitios estratéxicos do peche perimetral dunha leira de millo, que días antes fora obxecto, por parte do axente forestal, dun informe previo sobre valoración de danos ocasionados polo xabaril. As investigacións levaron á identificación do propietario da leira, que tamén foi investigado penalmente como presunto autor doutro delito contra a flora, a fauna e os animais domésticos.

As dilixencias instruídas entregáronse no Xulgado de Instrución de garda de Tui. Sobre este tipo de actuacións, a Garda Civil advirte que esta modalidade de caza está completamente prohibida pola normativa de caza e de protección do patrimonio natural e a biodiversidade, xa que, ao ser artes de caza prohibidas, non selectivas e de eficacia tremendamente daniña, debido a que na maioría dos casos resultan lesivas pola amputación dun membro da presa, ou no caso dos lazos a morte agónica por estrangulamento do animal no seu intento de escapar afórcase máis forte ata producirse a morte.