O Colexio Oficial de Biólogos de Galicia organiza unha limpeza de lixo mariño en Praia América

O Colexio Oficial de Biólogos de Galicia levará a cabo este xoves 13 de outubro, e coa colaboración do concello de Nigrán, unha nova limpeza de lixo mariño no marco de “Stop and help!, que o lixo non chegue ao mar”, un proxecto enmarcado dentro do programa “O teu Xacobeo” da Xunta de Galicia, cuxo principal obxectivo consiste en fomentar a conservación do patrimonio natural do Camiño de Santiago.

A de este xoves en Praia América, será a cuarta actuación de retirada de residuos promovida polo COBGA no seo deste proxecto, sendo as 10:30 horas da mañá a hora prevista para dar comezo coa actividade. Neste sentido, ademais de convidar ás peregrinas e peregrinos que realizan o Camiño Portugués da Costa, o Colexio Oficial de Biólogos de Galicia contará coa colaboración das persoas voluntarias da asociación de dano cerebral Alento, así como dun nutrido grupo de alumnas e alumnos do IES Plurilingüe Antón Losada Diéguez.

Todas estas xornadas de limpeza de lixo mariño que organiza o COBGA en diferentes areais dos concellos atravesados polo Camiño Portugués da Costa, culminarán a finais deste mes de outubro coa realización dunha intervención artística final dirixida por Carme Hermo e Antón Sobral na que empregarán diferentes refugallos colectados nas limpezas e que será exposta en Vigo, no Centro de Visitantes do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, coa finalidade de servir de memoria viva na loita contra os lixos mariños e as súas consecuencias sobre o medio ambiente.