O BNG de Gondomar solicita novamente a convocatoria do Consello Municipal da Muller

A piques de rematar a prórroga do IV Plan de Igualdade e en vésperas 25N, o BNG de Gondomar solicita, máis unha vez, a convocatoria do Consello Municipal da Muller (CMM). O órgano leva sen se reunir dende novembro de 2021 cando debería facelo, como mínimo, cada catro meses. Para o BNG, é no seo do CMM onde se debe avaliar primeiramente o grao de cumprimento do IV Plan de Igualdade, agora que neste ano 2022 remata a súa prórroga. Porque é o lugar onde están representadas as mulleres dos colectivos feministas, sociais, sindicais e políticos con presenza no concello.

A concelleira do BNG, na súa calidade de Vice-presidenta do propio Consello, insta á Presidenta, a Concelleira de Igualdade Nuria Lameiro, a convocar a reunión á maior brevidade posíbel, co fin de elaborar, valorar e poñer en común as accións e eventos a levar a cabo no concello de Gondomar en relación á igualdade e o feminismo. No máis inmediato, propostas concretas en relación ao 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, para a sensibilización ao respecto da violencia sufrida por moitas mulleres polo simple feito de selo. “No CMM debéramos consensuar accións polo 25N que vaian máis alá das rituais lecturas de manifestos”, afirma a Portavoz municipal do BNG, Manuela Rodríguez.

Así mesmo, a concelleira nacionalista solicita, máis unha vez, coñecer as conclusións da Mesa Local contra a Violencia de Xénero reunida en decembro de 2021. “Coñecer os datos sobre a situación da violencia de xénero no concello permitiría realizar campañas de sensibilización e accións directas sobre as súas causas”, conclúe Rodríguez.