A enfermaría de Oncoloxía Radioterápica do Meixoeiro recibe un premio nacional polo cribado de malestar emocional

O persoal de enfermaría da Unidade de Oncoloxía Radioterápica do Hospital Meixoeiro recibiu un premio nacional polo seu labor en investigación no impacto emocional dos pacientes oncolóxicos. O método, pioneiro en España, serve para detectar pacientes con altos niveis de distrés ou malestar emocional, contando ademais co valor engadido da plataforma dixital ARIA, a través da que ponse en contacto, de maneira inmediata, aos pacientes cun equipo de psicólogos especializados para o seguimento e valoracións posteriores. O galardón, concedido pola Sociedade Española de Enfermaría Radiolóxica no seu XX Congreso, inclúe unha dotación económica así como a publicación da comunicación nunha importante revista científica.

Este recoñecemento dáse nun momento clave, pois diferentes organismos científicos están a detectar unha crecente necesidade de controlar os niveis de malestar emocional, tamén denominado “distrés”, nos pacientes oncolóxicos. Ante esta situación, o equipo de enfermaría do servizo de Radioterapia do Hospital Meixoeiro puxo en marcha este sinxelo cribado -unha enquisa verbal ao inicio do tratamento- para detectar o malestar emocional nos pacientes oncolóxicos. “Dende a súa implantación, hai tan só dez meses, os datos recollidos polo servizo mostran os bos resultados deste sistema, realizado dunha forma nada invasiva e acadando un incremento da derivación a consulta psico-oncoloxía”, sinala o supervisor de Enfermería desa Unidade, Manuel Enguix. Acadar estas cifras en tan pouco tempo fai que actualmente se estude a súa implantación noutras Unidades de Radioterapia.

A importancia da detección do malestar emocional

O distrés é un concepto moi amplo, incluíndo sentimentos como a angustia, ansiedade, medo ou tristeza, e forma parte da reacción natural das persoas fronte a emocións negativas (un diagnóstico, unha cirurxía, o resultado dunha proba…), nalgunhas ocasións pode derivar en trastornos mentais máis severos se non é detectado a tempo. Cuantificar o chamado distrés permite melloras de ata o 80% na atención integral a pacientes oncolóxicos e mesmo na resposta a tratamentos de radioterapia. “O control do distrés en Oncoloxía é de gran importancia xa que permite actuar en caso de necesidade, axudando aos pacientes proporcionándolles ferramentas para afrontar mellor a súa doenza e mellorar a súa calidade de vida”, conclúe Enguix.