A Garda Civil investiga ao presunto autor dunha decena de roubos no interior de vehículos

A Garda Civil identificou ao presunto autor dunha decena de roubos cometidos no interior de vehículos en Valga e Pontecesures. Trátase dun veciño de Vigo que foi notificado como presunto autor de polo menos dez delitos de roubo que cometería nestas dúas localidades. As investigacións realizadas polo Equipo de Investigación da Compañía da Garda Civil de Vilagarcía de Arousa, en colaboración con efectivos do Posto de Valga, concluíron coa identificación do presunto autor, que resultou ser un veciño de Vigo, de 52 anos, cun amplo historial delituoso relacionado con este mesmo tipo de delitos.

Os feitos investigados cometéronse durante o mes de maio deste ano. En todos os casos trátase de roubos de efectos no interior de vehículos que estaban estacionados en garaxes comunitarios. En total esclarecéronse dez roubos en cinco edificios, nas dúas localidades. O modus operandi consistía en romper o cristal do portelo dunha das portas cunha chave de parafusos e apropiarse de todos os obxectos de valor que atopaba no seu interior. A pesar de que o valor do subtraído non é moi elevado, os danos materiais causados superan os 1.000 euros.

O presunto autor, que xa fora detido en 2016 por outros roubos similares en Pontecesures, foi localizado en Vigo onde se lle notificou a súa condición penal de investigado como presunto autor de 10 delitos de roubo e outro de danos materiais causados no ascensor dun dos edificios. As dilixencias instruídas entregáronse no Xulgado de 1ª Instancia e Instrución de garda de Caldas de Reis, onde deberá comparecer cando sexa requirido pola autoridade xudicial.