Roberto Mera presenta en Nigrán o seu libro sobre Alejandro Viana

O Concello de Nigrán e o Instituto de Estudos Miñoráns ofrecen este mércores 12 de outubro ás 19:00 horas no Auditorio Municipal a presentación do libro “Alejandro Viana. Un galego á fronte do rescate dos refuxiados republicanos” coa presenza do seu autor Roberto Mera, sobriño-bisneto ademais do protagonista. No acto intervirá tamén Juan González como alcalde de Nigrán e como historiador especializado na Guerra Civil.

Na Europa ocupada polos nazis miles de exiliados republicanos españois devecían por chegar a América para salvar as súas vidas. Entre eles atopábase Alejandro Viana Esperón (Ponteareas, 1877 – México DF, 1952), deputado republicano de esquerdas ao que ben se podería alcumar como o Schindler galego. Á fronte de varias organizacións humanitarias, entre elas o Servicio de Evacuación de Refugiados Españoles, Alejandro Viana organizou dende Francia a saída de miles de refuxiados nunha trintena de expedicións marítimas colectivas a distintos países de América, na súa maioría a México.

Cos alemáns en Francia, Viana arriscou a súa vida para continuar axudando aos exiliados até que, acosado pola Falange e a Gestapo, emprendeu en 1941 unha desesperada fuxida. Logo de once meses de angustiosa viaxe por África, logrou chegar a México. Alí reencontrouse tempo despois coa súa dona, tras once anos de separación, e viviu coa certeza de que xamais podería retornar á súa terra. Roberto Mera narra neste libro a extraordinaria odisea iniciada o 18 de xullo de 1936 polo seu tío bisavó.