O “Música e Viño no teu Camiño” continúa o seu percorrido cunha parada en Baiona

O proxecto “Música e Viño no teu Camiño” continúa o seu percorrido polo territorio cun concerto en Baiona. Posto en marcha pola Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural e o Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño, o obxectivo da segunda edición desta iniciativa é dar visibilidade a grupos emerxentes ao tempo que se xeran espazos de encontro e lecer entre a veciñanza, visitantes e peregrinos e peregrinas que están a facer o Camiño de Santiago durante o mes de outubro. A iniciativa desenvólvese ao abeiro do programa “O Teu Xacobeo” impulsado pola Xunta de Galicia.

O ciclo de concertos chega este martes 11 de outubro aos xardíns da Casa da Navegación, coa actuación de Two in the Mirror ás 19:00 horas. A actuación é de balde e nela poderase desfrutar dos viños D.O. Rías Baixas e da gastronomía local nos establecementos hostaleiros e comerciais da zona. Con esta iniciativa EuRural e do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño organizan unha serie de concertos por todo o territorio nos que o público poderá desfrutar da maridaxe de música, viño e gastronomía ao tempo que se potencia a hostalaría e o comercio local.