Baiona celebra o Día da Hispanidade cunha viaxe musical polos ritmos de Arxentina a Galicia

A Concellería de Cultura do Concello de Baiona celebra este mércores 12 de outubro o Día da Hispanidade. Ás 18:00 horas comezará na Praza do Concello o acto protocolario para despois desfrutar de “Ritmos da Hispanidade”, ás 19:30 horas, co concerto “A Viaxe”, facendo unha viaxe musical polos ritmos desde Arxentina a Galicia. A biografía de Juan Carlos Cambas, contada en primeira persoa, nunha viaxe integradora e enriquecedora a través do mellor da música de ambas beiras atlánticas.

O rexedor baionés, Carlos Gómez Prado, explica que “esta programación está deseñada para achegar a celebración da Hispanidade a toda a cidadanía. Quixemos dar un cambio aos eventos que organiza o Concello co obxectivo de que os desfruten todos os veciños e veciñas da vila. Para que todo o pobo participe deles. Por iso o día 12 organizamos un acto aberto no que toda a cidadanía poida desfrutar. O obxectivo é desfrutar da Hispanidade todos xuntos. O Concello de Baiona leva celebrando o acto 21 anos e había que darlle unha volta para que todo o pobo puidese participar deste evento, sempre respectando o protocolo, a celebración do Día da Hispanidade deixou de ser un acto encorsetado no que participaban uns poucos para pasar a ser un acto para todos e todas”.

O acto de celebración do Día da Hispanidade está subvencionado pola Deputación de Pontevedra. Este día leva celebrándose na Vila desde fai 21 anos, en colaboración coa institución provincial, debido á relación que Baiona ten con América e coa comunidade colombina, ademais do feito histórico de que Baiona foi o primeiro porto de Europa en ser coñecedor do Descubrimento de América cando chegou ao seu porto a Carabela Pinta ao mando de Martín Alonso Pinzón.