A Policía de Baiona reduce quendas para manter o servizo

A situación en absoluto é nova, superada a tempada estival os once axentes que compoñen o persoal da Policía Local de Baiona son incapaces de manter o ritmo de traballo tras tres meses velando pola seguridade dunha poboación que por momentos multiplícase por catro. Coa finalización do período de contratación dos oito auxiliares de verán, a única solución que queda é eliminar a quenda de noite entre domingos e xoves para que deste xeito os efectivos poidan coller as vacacións non desfrutadas ao seu debido tempo. “Son dereitos dos traballadores e teñen que desfrutalas”, manifesta o oficial xefe, Plácido Viéitez.

Aínda que este contexto leva repetíndose polo menos durante os últimos catro anos, o deste outono quizais sexa un pouco máis precario que os anteriores. A xubilación dun dos seus compañeiros o pasado mes de abril deixou ao corpo cun efectivo menos sen que dese tempo a compensar a súa marcha, mentres que outro só ocúpase de tarefas administrativas. É dicir, dez persoas na rúa en dúas quendas, e sen ter en conta días de descanso, asuntos propios ou as chamadas xornadas de compensación.

Viéitez asegura que é un imperativo que se convoquen a media ducia de prazas vacantes en Baiona e o alcalde Carlos Gómez confirma que este ano sairán dous delas que xa se atopan dentro da oferta pública. As catro restantes tramitaranse durante 2023. Con todo, nin co persoal ao cento por cento a cifra achégase ao cociente recomendado pola Unión Europea de dous axentes por cada mil habitantes, que neste caso serían 17 dos 24 marcados como pauta, un 70%, aínda que cabe destacar que esta regra tampouco se cumpre nin en Nigrán nin tampouco en Gondomar.

Carlos Gómez ten unha reunión pendente con xefatura para abordar as posibles solucións de cobertura a adoptar para os próximos meses e en datas sinaladas por exemplo as festas de Nadal. Pero o que si confirmou é que desde o Concello está a traballarse para regular a situación das prazas de interinos, que deberá de levarse a cabo antes de que finalice o ano o 31 de decembro. “Somos conscientes das limitacións que temos entre os auxiliares administrativos e por iso estamos a buscar solucións a estes problemas de cobertura”, finaliza.