Os 18 mellores equipos de cruceiro de España compiten polo título nacional en Baiona

De entre as máis de 2.500 embarcacións de cruceiro de toda España, esta fin de semana serán 18 os equipos que se medirán polo título nacional no Monte Real Club de Yates de Baiona. A regata disputarase do venres 7 ao domingo 9 en embarcacións monotipo, asegurando a igualdade entre os competidores e engadindo un extra de dificultade ás tripulacións afeitas a navegar nos seus propios barcos.

Estes 18 equipos conseguiron o billete para o Campionato de España de Cruceiros – Trofeo Loterías e Apostas do Estado tras ser seleccionados polas súas respectivas territoriais en función dos resultados obtidos nas probas autonómicas estipuladas por cada unha delas. No noso país hai máis de 10.000 persoas que navegan en clases cruceiro e que participan semanalmente nas regatas que organizan os preto de 400 clubs náuticos e portos deportivos españois.

Tras unha tempada cargada de regatas de club e citas autonómicas, 12 federacións territoriais contarán con representación no gran evento da vela española de cruceiro. Así, Canarias, Cantabria, Comunidade Valenciana, Galicia, Rexión de Murcia e País Vasco estarán representadas por dúas tripulacións; mentres que Andalucía, Cidade Autónoma de Melilla, Castela A Mancha, Cataluña, Illas Baleares e Principado de Asturias terán un só representante.

Todos eles navegarán na frota de monotipos First Class Fígaro Solo do Monte Real Club de Yates, unha embarcación asinada por Finot-Berret cunha eslora de 9,14 metros e unha manga de 3,25, con case 140 metros cadrados de superficie vélica (maior, Xénova e spi). As súas características técnicas convérteno nun pequeno cruceiro perfecto para ser tripulado polos seis regatistas que compoñen cada equipo, brindando a oportunidade de demostrar as súas destrezas en unidades idénticas navegando en tempo real. As tripulacións competirán nunha ou outra unidade das que compoñen a frota do MRCY por rigoroso sorteo que se efectuará cada día.

Este novo sistema de competición co que coroar ao mellor equipo de cruceiros de España é unha aposta pola igualdade e un reto extra para os regatistas, afeitos a navegar no seu propio barco e en moitas ocasións en tempo compensado.

Este xoves, as tripulacións familiarizáronse cos Fígaro nunha xornada de adestramento previa ás regatas puntuables para o Campionato de España de Cruceiros que darán comezo este venres. A fin de dar a maior axilidade ás regatas con igualdade de oportunidades para todos os participantes, os 18 equipos dividiranse por sorteo en tres grupos, sen que poidan coincidir nun mesmo grupo os dous barcos dunha comunidade.

Tras a serie de regatas programada para a primeira xornada, 3 ou 4 para cada grupo en función das condicións de vento e mar, a clasificación provisional permitirá crear os grupos para o segundo día do Campionato. Os dous primeiros de cada un dos grupos formarán o grupo 1, os terceiros e cuartos o grupo 2, e os quintos e sextos o grupo 3.

Para a serie final e definitiva, o domingo día 9 de outubro, os que ocupen as prazas cinco e seis de cada grupo descenderán ao grupo posterior, e os primeiros e segundos ascenderán. Para o grupo 1 está prevista a disputa de tres regatas, determinando tras elas os seis primeiros postos da clasificación final. O resto de posicións decidirase sobre unha soa manga para os grupos 2 e 3.

O Campionato de España de Cruceiros – Trofeo Loterías e Apostas do Estado nace baixo a organización da Real Federación Española de Vela e conta coa colaboración nesta edición da Federación Galega e Monte Real Club de Yates de Baiona. A regata disputarase do venres 7 ao domingo 9 de outubro e será a primeira vez que o título nacional dispútase neste novo formato.