Avelaíña conmemora o Día Mundial da Saúde Mental baixo o lema “Dálle like á saúde mental”

O 10 de outubro conmemórase o Día Mundial da Saúde Mental, celebración que conta co apoio da Organización Mundial da Saúde (OMS) e que este ano centra a súa temática na saúde mental na infancia e na mocidade, unha materia pendente a nivel sanitario, social e educativo. Cabe sinalar que a metade dos trastornos mentais presentan síntomas antes dos 14 anos, e tres cuartos deles comezan antes dos 24.

Segundo a OMS, unha de cada sete persoas mozas de 10 a 19 anos ten algún problema de saúde mental en todo o mundo. A pandemia agravou problemas existentes aos que non se lles prestou a atención necesaria, á vez que foi causante de novos problemas, provocando un aumento do 47% nos trastornos de saúde mental en menores de idade.

Mesas informativas en Gondomar, Nigrán e Baiona

Con motivo desta celebración, Avelaíña instalou mesas informativas en Gondomar e Nigrán este xoves e venres, respectivamente, e o luns, 10 de outubro estará en Baiona.

O obxectivo é sensibilizar e informar sobre a importancia do coidado da saúde mental e onde a poboación poderá coñecer máis sobre a saúde mental e o traballo que realiza a Asociación e os recursos da Contorna.

Nas mesas informativas, realizouse a lectura do Manifesto, onde acudiron os responsables locais, Xunta directiva, familiares e usuarios da Entidade.