Baiona, meta do XIV Rally Ciudad de Vigo de clásicos

Este sábado 8 de outubro celébrase o XIV Rally Ciudad de Vigo. A proba celébrase na modalidade de regularidade non deportiva para vehículos clásicos, no que non prima a velocidade, senón a táctica e a orientación, así como o traballo en equipo e a compenetración entre a piloto e copiloto. Nesta proba, os vehículos participantes deben ser anteriores a 1975, permitíndose unicamente participar determinados modelos de vehículos entre 1975 e 1980.

Ao longo das 13 edicións anteriores, puidéronse observar nos parques pechados os vehículos máis importantes no mundo dos rallys dos anos 50, 60 e 70. A edición deste ano arrancará ás 11:31 horas desde o Centro Comercial Gran Vía de Vigo, onde se realizarán as verificacións técnicas e administrativas dos vehículos e, despois de percorrer aproximadamente 200 Km. pola provincia de Pontevedra, terminará cunha cea de entrega de premios no Parador de Baiona. Os vehículos chegarán a partir das 19:30 horas. Os participantes tamén contarán cun descanso para xantar no Pazo de Mos, onde poderán repoñer forzas para poder continuar ata a cea. Terá lugar unha parada a media tarde no Paseo da Corredoira de Tui.

As pasadas edicións contaron cunha participación media de máis de 43 equipos, incluíndo a presenza de equipos portugueses, que lle deron un carácter internacional á proba. Neste ano están inscritos algúns dos modelos máis importantes da historia dos Rallyes, veremos Mercedes 300SL, Alfa Romeo GTV 2000, Fiat 124 Abarth, Porsche 356, Porsche 911, Ford Escort, BMW 2002, Austin Cooper S, así como unha nutrida representación de vehículos deportivos dos anos 60 e 70. O vehículo máis antigo é de 1936, un impresionante e escaso Jaguar SS100, tamén poderemos admirar un exclusivo Mercedes 300SL, VOLVO P1800, Jaguar XK140, Bentley Coupe, Austin Healey, Mercedes 280SL, MGA, ou un Jaguar Mk2 (unha das máis belas berlinas deportivas de todos os tempos).