
Manifesto Miñor vén de dirixirse a todas as administracións con competencias no asunto para que, dunha vez por todas, tomen cartas no asunto e se impliquen na realización do paseo fluvial pola beira do Río Miñor entre Gondomar e A Ramallosa. “Cremos que é unha obra imprescindible: primeiro, para salvar o propio río do esquecemento e das agresións e o mal trato que sufre dende hai décadas, mais tamén porque vai ser un elemento dinamizador da comarca e da Vila de Gondomar de primeiro nivel. Nos escritos que enviamos á Delegación da Xunta en Vigo, a Augas de Galicia, á Subdelegación do Goberno do estado e á Presidencia da Mancomunidade do Val de Miñor, tamén lles solicitamos unha entrevista para poder presentar a documentación ao respecto e convidalos a pasear con nós nunha andaina”, sinala Antonio Araújo.
No vindeiro Pleno da Corporación Municipal de Gondomar defenderán unha moción ao respecto, pois consideran que o Goberno Municipal debería ser o primeiro interesado en arrimar o ombreiro e que este proxecto salga adiante. Reivindican a aprobación do inicio de todas cantas xestións que sexan necesarias perante as Administracións Públicas con competencias no asunto (Costas, Augas de Galicia e Xunta de Galicia, etc., así como no seo da Mancomunidade do Val de Miñor, por ser un proxecto supramunicipal), co obxecto de recuperar este espazo de extraordinarios valores naturais e devolverlle a saúde para uso e gozo da veciñanza en xeral.
“Entendemos que a mellor maneira de facelo é a través dunha intervención branda e respectuosa cun espazo tan sensible e no límite do soportable, habilitando un paseo ou sendeiro fluvial por unha das beiras do río, como mínimo, dende a Vila de Gondomar até a Ponte de A Ramallosa, que o conecte cos paseos da costa que van de Baiona até Panxón. Para levar a cabo devandita intervención, consideramos que o mellor xeito de acometer os traballos sería a través dunha Escola Obradoiro, polo que ten de implicación e sensibilización directa na poboación da comarca, dende o momento mesmo dos traballos preliminares. Sen dúbida, outro efecto beneficioso derivado dunha intervención deste tipo, a maiores dos xa expostos, sería a corrección ou diminución dos efectos negativos das enchentes do inverno”, conclúe Araújo.
Nos vindeiros días Manifesto Miñor anunciará unha nova andaina para reivindicar o paseo fluvial, prevista para mediados de outubro.