O IEM organiza unha Xeira Alén Miñor á Bisbarra do Deza

O Instituto de Estudos Miñoráns organiza a fin de semana do 8 e 9 de outubro unha Xeira Alén Miñor á Bisbarra do Deza. A saída será o sábado ás 8:00 da mañá desde a explanada do Pavillón de Deportes de Gondomar, con chegada prevista o domingo ás 20:00 horas ao mesmo lugar de partida. O prezo da inscrición é de 150 euros para os socios e de 160 euros para os non socios. Inclúe a viaxe con aloxamento en habitación dobre ou individual, autobús, comida, seguro, as visitas e guías. As inscricións poden realizarse na seguinte ligazón.

Día 8 de Outubro, sábado

  • Museo “Manuel Lamazares”, Rodeiro. Área de arqueoloxía, con materiais procedentes dos castros da contorna e as escavacións da vila romana. Área de etnografía, con obxectos relacionados cos oficios (carpinteiros, ferreiros, traballo del lino). Área de pintura permanente do pintor José Luis Vázquez (Vilaseco), con temática costumista.
  • Pendellos de Río.
  • San Salvador de Camba, Casa natal do cardeal Manuel Gil Castro Pequeno e das Edras de Salto.
  • Pazo e igrexa Románica de San Xoán de Camba. Recinto amurallado defendido por torres ameadas cun foso empedrado que podía ser mesmo asolagado. A súa torre, parte máis antiga, data do século XII e foise ampliando ata o século XVII. Nos séculos XVI e XVII, transformouse nun pazo que aínda conserva trazas da fortaleza.
  • Fortaleza medieval de Fafián (Tulla de Outeiro) e contorna. A construción componse dunha torre duns oitenta metros cadrados de base, con tres plantas con ben labrados bloques de granito, fiestras con arcos xemelgos con parladoiros, chemineas, escaleiras e garitas para a defensa… No lugar de Outeiro consérvanse tamén un par de casas de labregos podentes, con curiosos hórreos e un orixinal pombal empoleirado nunha rocha, que forman coa torre un fermoso conxunto, e, escasamente a cincocentos metros está a vila romana de “Porto de Arcos”

XANTAR EN RODEIRO

  • Ponte baixo medieval de Pedroso e hórreo. Conta cun só ollo feito cun gran arco a base de doelas de granito que apoian en dúas bases de cantería, feitas enriba da rocha da beira do río Arnego. Tamén con peitorís de pedra para protexer o borde da súa calzada. Une os concellos de Rodeiro e Lalín.
  • Museo do Campo e a mecanización, Silleda. É unha homenaxe ás nosas orixes; a todos os galegos e galegas que ao longo da historia viviron das súas terras e traballo. Móstrase a evolución do campo galego e a súa mecanización, agricultura e gandería a través de utensilios tradicionais.

DURMIR EN SILLEDA

Día 9 de Outubro, domingo

  • Igrexa barroca e baldaquinos de Santa María de Dozón. Igrexa barroca que tamén mostra elementos románicos e góticos e unhas interesantes pinturas e baldaquinos. A primeira delas e a máis antiga aparece nun dos muros laterais, outra no retablo principal recentemente restaurado e a terceira de moderna factura é a que se leva en procesión.
  • Muíños e conxunto etnográfico de San Pedro de Vilanova.
  • Castro de Maceira, Dozón.
  • Carballo centenario de Sanguiñedo e paseo pola contorna.
  • Cruceiro de Sisto.
  • Xantar en Lalín.