A Escola de Enfermería de Povisa acolle a exposición “Elvira López Mourín, unha enfermeira de altura”

A Escola de Enfermería de Povisa inaugurou este luns a exposición “Elvira López Mourín, unha enfermeira de altura” nun acto celebrado no hospital Ribera Povisa, ante un centenar de estudantes e profesionais da Escola e do hospital. A mostra rende homenaxe a esta pioneira da enfermería española, natural de Láncara (Lugo), que foi a primeira en participar nun voo sanitario militar durante a guerra do Rif, do que se cumpren agora 100 anos.

A exposición, que permanecerá en Cepovisa ata o día 7 de outubro, está organizada pola Academia Galega de Enfermería e o Colexio de Enfermería de Lugo (COE), e fará escala en todas as Escolas de Enfermería de Galicia de aquí a final de ano co obxectivo de enxalzar a figura de Elvira López -practicamente descoñecida ata o de agora-, que formou parte ademais da primeira promoción de enfermeiras profesionais da Cruz Vermella Española conformada tan só por cinco mulleres.

O acto de inauguración contou coa intervención de Isidoro Rodríguez, presidente da Academia de Enfermería de Galicia e profesor, que dedicou tres anos a investigar a figura de López Mourín; Rubén Pego, profesor da Facultade de Enfermería de Santiago, e Lourdes Bermello, presidenta do Colexio Oficial de Enfermería de Lugo. María Giráldez, subdirectora da Escola de Enfermería de Ribera Povisa, foi a encargada de pechar o acto cun discurso co que reivindicou tanto a figura profesional das enfermeiras como ese espírito transgresor que tan ben encarna Elvira López, que marcou un punto de inflexión na historia da enfermería.

Historia dunha pioneira

Elvira López Mourín (Láncara, 1893- Madrid, 1961) foi unha pioneira da enfermería española. Ingresou como enfermeira militar e foi destinada a un hospital de Melilla en plena guerra de Marrocos. O 1 de novembro de 1922 participou, a petición persoal, no primeiro voo en misión sanitaria da Aviación Española, cruzando territorio inimigo nun voo nocturno e rasante a bordo dun bombardeiro biplano. Unha xesta histórica que marcaría a historia da enfermería.

Durante a Guerra Civil (1936-1939) permaneceu no hospital en Madrid onde se atopaba traballando, na zona republicana, polo que foi sometida a un Consello de Guerra. Tras ser exonerada dos cargos reincorporouse ao seu traballo na Primeira Rexión Militar ata a súa xubilación.