O último “Vaia Troula” da tempada estará na romaría de San Cosme e San Damián en Baiona

Co “Vaia Troula” deste domingo pola noite (23:15 horas), a Televisión de Galicia pon o punto e final á tempada de festas deste divertido verán. Desta volta, a mestra de cerimonias, Noelia Rey, viaxa ao concello de Outes. Alí, na parroquia de San Ourente, celebran a romaría de San Campio, tamén coñecida como romaría do Mal Cativo. A presentadora coñecerá todos os rituais que hai que seguir para honrar o santo e, como non, cantará, bailará e comerá con todos os veciños.

Pola súa parte, a reporteira Belén Vara estará na Festa do Ramo de Xove. Neste concello dedícanlle un día de troula aos callos cunha exaltación gastronómica de moita categoría. Adela Bértolo gozará da gran Festa do Marisco do Grove. Este ano agardan a visita de milleiros de persoas dispostas a gozar do sabor do mellor marisco do mundo. E Alba Lea participará nas Festas de San Miguel do concello de Ponteareas. O lanzamento dos globos e a procesión son os momentos máis destacados destes días de ledicia para os ponteareáns.

As cámaras do “Vaia Troula” tamén poñerán o foco na romaría de San Miguel de Frades, nas Festas de San Breixo de Barro e na multitudinaria romaría de Santa Minia, no concello de Brión. O menú trouleiro deste domingo á noite complétase coas Festas de Santa Margarida de Orto, en Abegondo, coa romaría de San Breixo de Pontedeva e coa festa na honra a San Cosme e San Damián de Baiona.

O último programa da tempada fará unha bonita homenaxe final a toda a audiencia da Televisión de Galicia e, ademais, contará coa actuación musical da orquestra Los Player’s.