
Concluíu a xornada do venres con case 30 segundos de vantaxe do segundo e ao termo do primeiro bucle do sábado (a primeira pasada aos tramos Concello de Ponte Caldelas, Fornelos de Montes e Salceda) ampliouna ata o minuto. O tándem Víctor Senra-David Vázquez adxudicouse a vitoria en dúas das primeiras especiais da xornada do sábado (a outra lla levou Jorge Pérez no tramo de casa) demostrando que a día de hoxe é o equipo máis en forma do CERA Recalvi.
Na primeira pasada por Ponte Caldelas, o seu Skoda Fabia Rally2 Evo, cubriu os 12,41 quilómetros en 6 minutos 53 segundos, sete segundos máis rápido que o Skoda Fabia R5 de Jorge Pérez e dez máis que José Luis Olivares que se mantiña na loita pola segunda posición; unha praza que o do Tineo Auto Club conseguía asaltar no TC6 de Fornelos, aproveitándose da picada que sufriu o vehículo de Jorge Pérez e que lle fixo perder 22 segundos con respecto ao líder e 8 sobre Peláez, piloto que se mostraba moi a gusto e gozando do rallye.
A segunda posición duroulle pouco tempo. A dupla Jorge Pérez-Miriam Vera saíu a por todas no tramo de casa (TC 7 Salceda) e marcou o mellor tempo nos 10,37 quilómetros dos que consta esta especial. Avantaxaron en oito décimas a Víctor Senra e en 8 segundos a Peláez.
A loita polo cuarto posto tamén está a ser en grao sumo interesante. O man a man entre Luis Vilariño e Manuel Fernández, gáñao, de momento, o primeiro por tan só tres décimas. No reagrupamento de Porriño, Luis Vilariño mostrábase moi satisfeito co comportamento do seu vehículo, ao que lle montaron rodas novas para este rallye, pero queixoso polas molestias físicas que arrastra desde o accidente no Rallye Blendio Cristian López. Manual Fernández, pola súa banda, aseguraba non sentirse cómodo nestes primeiros tramos.
A mala noticia da a xornada matinal foi a saída de tramo do Hyundai do i20 de Álvaro Muñiz e Lino Martínez, que obrigou a neutralizar o TC7 de Salceda. Ambos tiveron que ser trasladados ao hospital, por molestias nas costas, pero ningún dos dous reviste gravidade. A destacar tamén, entre os pilotos de cabeza, o abandono do Campión do CERA Recalvi de 2021, Óscar Palacio, por unha avaría no seu Ford Fiesta R5 MkII e o dos irmáns Pais, que sufriron unha avaría no seu Renault Clio R5 N5, na ligazón entre Samil e Ponte Caldelas, e xa non puideron tomar a saída nesta xornada.
En canto ás Copas, José Luis Pérez Oliveira encabeza a Challenge Recalvi Trofeo Michellin; como líder na Clio Trophy Spain mantense Miguel García; Angel Rodríguez está a ser o mellor na Dacia Sandero Rally Cup e Francisco Javier Andrade no Desafío Kumho Asfalto. O primeiro posto dentro do Criterium Recalvi é, de momento para Sergio Otero.
A competición do 55º Rallye Recalvi Rías Baixas renovouse pasadas as 15 horas coa segunda pasada ao tramo Concello de Ponte Caldelas.