
O equipo Víctor Senra-David Vázquez foi o máis rápido en percorrer os 4,42 quilómetros do tramo cronometrado de clasificación disputado esta mañá nas inmediacións do Monte Alba, demostrando que non se equivocan os que o sitúan como gran favorito para subirse ao caixón máis alto do podio deste 55º Rallye Recalvi Rías Baixas. O Skoda Fabia Rally2 Evo do actual líder do CERA Recalvi avantaxou en algo máis dun segundo ao tamén Skoda Fabia R5 de Jorge Pérez. O de Salceda, gran coñecedor desta proba, non quere deixar pasar a oportunidade de realizar un gran papel no rallye de casa. Terceiro no TCC foi o madrileño Jose Luis Peláez, por diante de Álvaro Muñiz e de Manuel Fernández, quinto na súa primeira participación no CERA e nun rallye que xa gañou en 2018, cando era puntuable para o Campionato Galego de Rallyes. Muñiz foi con todo penalizado cun minuto, por adiantarse na saída, e finalmente ocupou a última posición. Os irmáns Vallejo marcaron o sexto mellor tempo e por detrás deles, Luis Vilariño e Albert Orriols, pechando a clasificación Jorge Cagiao e Amelia Blanco, a algo máis de 5 segundos do Senra. Óscar Palacio, pola súa banda, sufriu unha avaría mecánica no seu Fiesta R5 MK2 e non puido completar o percorrido.
Tras a disputa deste tramo cronometrado de clasificación, os dez equipos que tomaron parte nel, escolleron a orde de saída no rallye, nun acto que se celebrou no Museo do Verbum e no que apenas houbo sorpresas.
A posición de saída dos dez primeiros inscritos será, por tanto, a seguinte:
- Víctor Senra
- Jorge Pérez Oliveira
- José Luis Peláez
- Manuel Fernández
- Sergio Vallejo
- Albert Orriols
- Luis Vilariño
- Álvaro Muñiz
- Óscar Palacio
- Jorge Cagiao
Durante o acto, e en declaracións aos medios, todos mostráronse con ganas de que arranque xa a competición e prometeron dar espectáculo aos afeccionados que se citen nos tramos.
O que se viviu esta mañá na estrada de O Zondal foi un bo aperitivo do que nos depara esta primeira xornada do 55º Rallye Recalvi Rías Baixas. A quinta proba do CERA Recalvi arrancará ás 17:21 horas coa primeira pasada ao tramo Vigo-Nigrán (13,76 quilómetros). Posteriormente os equipos percorrerán a especial de 10,65 quilómetros que une as localidades de Gondomar e Porriño. E xa a partir das 20:05 horas comezará a segunda pasada a estes dous tramos, un percorrido que moitos dos equipos deberán afrontar coas súas espectaculares grellas de luces acesas.