Baiona renova o céspede do Campo Municipal do Aral

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Campo de fútbol do Aral.

O Concello de Baiona realizou traballos de renovación do céspede artificial do Campo Municipal do Aral. Mellorouse a prestación do terreo de xogo coa aplicación dun novo xeotextil, reparando e enchendo as zonas de intervención necesaria para poder practicar deporte de forma adecuada.

“O Aral” converteuse nunha das infraestruturas deportivas máis utilizadas polos veciños e veciñas de Baiona e unha das máis demandadas da provincia. A súa situación no centro da Vila favorece que tanto os equipos de referencia como as Escolas Deportivas Municipais fagan uso das instalacións.

O Alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, destaca “a gran aposta do Concello de Baiona pola mellora continua das instalacións deportivas utilizadas polos clubs baioneses e por todos os veciños e veciñas. Trátase dunha renovación necesaria, xa que o céspede estaba moi deteriorado. Supón un investimento de 5.000 euros para mellorar unha das instalacións máis utilizadas pola veciñanza, especialmente por menores das escolas deportivas municipais de fútbol impartidas polo Erizana FC. Ademais, O Aral é un lugar que acolle outras moitas actividades deportivas ao longo de todo o ano e queremos que siga funcionando ao máximo rendemento”.