Arranca o espectáculo do 55º Rallye Recalvi Rías Baixas

Segundos fóra. Xa non hai marcha atrás. Este venres empezan a ruxir os motores nesta 55 edición do Rallye Recalvi Rías Baixas. Tras a cerimonia protocolaria de saída, celebrada na tarde noite do xoves na Rúa Policarpo Sanz de Vigo, é hora de entrar en acción e coñecer quen será o equipo máis rápido en completar os 10 tramos e 125 km cronometrados que compoñerán estes dous días de carreira.

A acción comezará ben cedo. A cita será ás 9 da mañá na estrada do Zondal. Os equipos prioritarios afrontarán as dúas primeiras pasadas a este tramo, antes de abordar o coñecido como tramo de cualificación (TCC) entre as 10:15 e 10:45 e co que, atendendo aos tempos alí obtidos, escollerán a posición de saída no 55º Rallye Recalvi Rías Baixas; cerimonia que se levará a cabo ás 11:30 no Verbum.

Completado este primeiro momento clave da carreira, será a quenda para que o resto de equipos poidan axustar as súas monturas no shakedown previsto para eles entre as 11:00 e as 12:30. Desta forma, os afeccionados que se acheguen ás inmediacións do monte Alba poderán gozar durante toda a matinal do venres do paso dos vehículos participantes. Primeiro aperitivo antes de que, ás 17:00 horas e desde a avenida de Samil, parta o primeiro equipo para afrontar a etapa inicial deste rallye. Serán dous tramos a dobre pasada, ben coñecidos por todos os afeccionados: Vigo-Nigrán, de algo máis de 13 km e que, como curiosidade, a súa parte inicial será a mesma que o shakedown matutino; e Gondomar-Porriño, con pouco máis de 10 km e que practicamente será un tramo nocturno na segunda pasada ao mesmo.

Senra, principal favorito ao triunfo

As miras están postas agora en Víctor Senra (Skoda Fabia Rally2). O actual líder da Copa de España de Rallyes de Asfalto-Recalvi podería dar un paso de xigante no seu obxectivo de conseguir o título nesta tempada. Volverá competir co estradense David Vázquez como copiloto e por uns tramos que, aínda que coñece, a recado terá que aplicarse para impoñer o seu ritmo ante unha competencia ben armada. Sen dúbida, moitos ollos estarán postos en Jorge Pérez (Skoda Fabia R5). O piloto de Salceda, segundo clasificado provisional no CERA, corre en casa e con motivación extra para realizar aquí un gran papel. Non será o único: Álvaro Muñiz (Hyundai i20 R5), Luis Vilariño (Skoda Fabia R5), o asturiano Óscar Palacio (vixente campión da CERA), os irmáns Vallejo (Porsche 911 GT3 Cup)… a lista de nomes é ampla e con motivos suficientes como para que a proba conte cun importante seguimento en toda a fin de semana. Quen non estará nesta cita é o lucense Francisco Dorado (Volkswagen Polo R5), baixa de última hora por motivos persoais.

A todos eles, ademais, unirase o Supercampión de España de Rallyes 2021 e gañador aquí o pasado ano: o asturiano José Antonio “Cohete” Suárez. Non competirá pero si exercerá funcións de coche cero co seu Skoda Fabia Rally2. É o rallye de casa do seu patrocinador, Recalvi, polo que, aínda que desta maneira, o espectacular piloto non podería faltar a esta cita para animala máis se cabe.

Todos preparados?, pois isto empeza en 3, 2, 1…