Gondomar organiza a III Ruta Ciclista “Camiño do Irmandamento”

Un ano máis o Concello de Gondomar, en colaboración coa Cámara Municipal de Gondomar (Portugal), organiza o Camiño do Irmandamento, unha ruta ciclista que unirá estes dous concellos irmandados. A ruta cun percorrido total aproximado de 150 quilómetros, terá lugar os días 8 e 9 de outubro. A saída dende a Praza da Paradela está prevista para o día 8 ás 9:00 horas cunha parada en Viana do Castelo para xantar, e chegada ao destino da primeira etapa en Póvoa do Varzim ás 17:00 horas (hora local).

O domingo 8 a saída será ás 9:00 horas e terá un percorrido de 45 quilómetros chegando ao destino final na Cámara de Gondomar ás 12:00 horas. Tras unha recepción oficial, un xantar e unha pequena visita á vila portuguesa, o regreso está programado para as 19:00 horas. É obrigatorio o uso de casco, roupa e calzado axeitados, e un kit de reparación de picadas. En todo momento o pelotón irá acompañado por varios vehículos de apoio. Ademais todos os participantes terán a disposición avituallamento variado, así como un chaleco reflectante e un kit de primeiros auxilios, tendo así mesmo a cobertura dun seguro de asistencia en viaxe.

As inscricións poderán formalizarse ata o día 3 de outubro ás 14:00 horas a través do correo oficinadeturismo@concellodegondomar.gal, con preferencia para empadroados en Gondomar. Máis información no teléfono 986 384 020.