Peitieiros celebra as festas de San Miguel coas orquestras París de Noia e Miramar

A parroquia gondomareña de Peitieiros celebra desde o 29 de setembro ao 1 de outubro as súas festas patronais na honra de San Miguel. O programa previsto comezará o xoves día 29 ás 10:30 da mañá cun pasarrúas por Gondomar a cargo da Banda de Música Cultural de Arcade, que a continuación subirá ao barrio de Piñeiro para acompañar ao Carro de Froitos no seu percorrido ata o recinto parroquial, con saída ás 11:00. Ás 12:30 horas celebrarase a Misa Solemne seguida de procesión acompañada pola Banda de Música, que ofrecerá un concerto ao finalizar. Pola tarde, ás 17:30 horas, terán lugar as tradicionais “poxas” de San Miguel a cargo de Carlos Riveiro, coñecido como Carlos de Gondomar, as máis grandes de toda Galicia, cunha duración aproximada de entre catro e cinco horas. Pola noite, ás 21:00 horas, haberá un concerto da Banda de Música Cultural de Arcade, e ás 22:30 horas, a actuación da orquestra París de Noia. O venres 30 a orquestra Miramar e o grupo La Banda de Ayer amenizarán a verbena. O sábado 1 de outubro a charanga Va K Pinta percorrerá os barrios da parroquia e ás 21:00 horas celebrarase a Cea de San Miguel, coa actuación das charangas OT e Va K Pinta.