A nigranesa Marine Instruments, Premio Nacional de Innovación na modalidade Peme

A ministra de Ciencia e Innovación anunciou este luns as persoas e entidades galardoadas cos Premios Nacionais de Innovación e de Deseño 2022, que concede o seu Ministerio e que constitúen o recoñecemento máis importante de España nestes ámbitos. Rocío Arroyo, Sacyr e Marine Instruments foron os gañadores das categorías de Innovación, mentres que Inmaculada Bermúdez, Alba González e Enea foron premiados nas de Deseño. Así mesmo, Emilio García e Servicios Digitales de Aragón recibiron mencións especiais.

A ministra felicitou aos e as gañadoras e destacou que se trata da edición con máis mulleres premiadas. “Estamos a sumar o talento innovador das mulleres ao deseño do futuro, un aval para mellorar a sociedade”, afirmou. Estes galardóns distinguen a aquelas persoas e entidades que fixeron da innovación un elemento indispensable no desenvolvemento da súa estratexia profesional e do seu crecemento empresarial. Así mesmo, recoñecen aos profesionais e empresas que contribuíron significativamente ao incremento do prestixio do deseño español e ás entidades que, incorporándoo á súa estratexia empresarial, demostraron que o deseño é unha potente panca de innovación e competitividade.

O seu carácter é estritamente honorífico, salvo o Premio Nacional de Innovación na modalidade “Pequena e Mediana Empresa”, que dispón dunha dotación económica de 50.000 euros; o Premio Nacional de Deseño na modalidade “Profesionais”, que conta cunha dotación de 50.000 euros; e o Premio Nacional de Deseño na modalidade de “Novos Deseñadores”, cuxa contía é de 30.000 euros.

Premio Nacional de Innovación 2022 na modalidade “Pequena e Mediana Empresa”:

Marine Instruments, con sede no Parque Empresarial de Porto do Molle, en Nigrán, foi premiada nesta modalidade por constituír un claro exemplo de empresa innovadora que, a través do desenvolvemento de tecnoloxías baseadas no coñecemento, pode transformar profundamente sectores tradicionais como o sector pesqueiro.

Líder indiscutible na comercialización de boias para a pesca do atún, Marine Instruments exporta os seus produtos, netamente desenvoltos en España, a máis de 30 países, grazas á vantaxe competitiva consolidada pola súa aposta permanente polo investimento en I+D+i desde as súas orixes no ano 2003 e á sistematización dos procesos de xeración de coñecemento e xestión da innovación.