Unha trintena de voluntarios de Proxecto Ríos retiran 200 quilos de lixo do Zamáns e do Miñor

Un ano máis voluntarias/os de Proxecto Ríos de Gondomar participaron na limpeza simultánea “Móllate polos ríos” coordinada por Adega. 28 persoas entre nenos e maiores percorreron o último treito do río Zamáns e o primeiro do Miñor con saída ás 10:00 da mañá desde a Ponte do Matadoiro. Recolleron 200 quilos de lixo, plásticos marioritariamente, botellas, latas, zapatos… Lixo pertencente, na maioría dos casos á xente nova, en dous puntos nos que se reitera ano a ano, moi preto do centro da vila.

O Proxecto Ríos é un programa de Educación e Voluntariado Ambiental que ten a finalidade de dar a coñecer o importante papel dos cursos fluviais, amosar as súas problemáticas así como fomentar iniciativas que permitan á cidadanía o mantemento e a mellora dos ríos proporcionando as ferramentas que garantan a súa participación. A XV Limpeza Simultánea “Móllate polos ríos” celebrouse este ano en 40 concellos de toda Galicia. Participaron moitas entidades de diferentes ámbitos (asociacións, colectivos ecoloxistas, delegacións de ADEGA, ANPAS…) e tamén concellos que organizan directamente esta actividade.