Preto de 40 voluntarios retiran 150 quilos de lixo do río Muíños

O Concello de Nigrán sumouse como cada ano este domingo ao “Proxecto Ríos”, coordinado pola asociación ecoloxista Adega e que nesta ocasión se centrou no tramo do río Muíños en Porto do Molle, onde se retiraron preto de 150 kg de lixo na XV Limpeza Simultánea “Móllate polos ríos” en municipios de toda Galicia. Nesta ocasión participaron preto de 40 persoas de todas as idades, e xuntas reuniron fundamentalmente envases plásticos, pero tamén algún palé de madeira. En contraste con outras edicións, o curso do río estaba nesta ocasión moito máis limpo.

O Concello de Nigrán participa nesta xornada de concienciación ambiental dende o ano 2015 baixo a iniciativa do goberno local. Desde entón, grazas ao labor de voluntarios, téñense retirado do esteiro de A Foz e o río Muíños máis de dúas tonelada de lixo, principalmente botellas de vidro e material de construción e pesca, pero tamén tixolas, paraugas, cadeiras, xoguetes…

O Proxecto Ríos é un programa de Educación e Voluntariado Ambiental que ten a finalidade de dar a coñecer o importante papel dos cursos fluviais, amosar as súas problemáticas así como fomentar iniciativas que permitan á cidadanía o mantemento e a mellora dos ríos proporcionando as ferramentas que garantan a súa participación.

“É un día de sensibilización e concienciación medioambiental no que se pon de manifesto a necesidade da correcta xestión dos residuos ao tempo que amosamos que as pequenas accións valen moito”, subliña o alcalde, Juan González.