García Ontiyuelo, vencedor do V Desafío Talaso Atlántico

O V Desafío Talaso Atlántico, que consta de 60 quilómetros e unha cronoescalada de 17 quilómetros entre o mosteiro de Oia e o monte da Groba, organizada polo Club Oiense e o Hotel Talaso Atlántico, finalizou coa vitoria de Mario García Ontiyuelo, do Club Oiense, cun tempo de 41 minutos e 22 segundos, un crono superior a outros anos, segundo explicou Aser Estévez, presidente do Club Oiense, “polos fortes refachos de vento do último tramo que sopraron de fronte e xogaron en contra dos corredores”.

O segundo mellor tempo foi para Juan Luis López de Guereñu, do Máster da Louriña, que alcanzou A Groba en 41’30 minutos. O terceiro mellor clasificado na categoría absoluta foi para Jorge Álvarez Garcés, tamén do Club Oiense, cun tempo de 42’08. “Este ano subiu a participación de ciclistas máis veteranos e tamén creceu a participación das mulleres”, valorou Estévez ao final da carreira.

Na clasificación absoluta feminina, a vencedora foi Bryony Izzard, corredora xa habitual no Desafío Talaso Atlántico. En segundo lugar, o mellor tempo das mulleres foi o de Elena Conde, do Marci Sport; e o terceiro posto foi o de Rebeca Fontenla, do Máis que bicis.