Desmantelan unha plantación de marihuana en Bueu

Unha persoa investigada penalmente e outra denunciada por vía administrativa é o balance do operativo conxunto realizado por efectivos da Garda Civil e da Policía Local, que levou á incautación de 44 plantas de marihuana no municipio de Bueu.

Dentro do marco do Plan Operativo de resposta policial ao tráfico retallista e consumo de drogas, o pasado martes, efectivos do Posto da Garda Civil de Marín, en colaboración coa Policía Local de Bueu, procederon á localización e á aprehensión de 41 plantas de marihuana nunha leira situada na periferia da localidade de Bueu.

Como consecuencia das investigacións realizadas, a Garda Civil notificou ao fillo do propietario da leira como investigado por un presunto delito contra a saúde pública por cultivo e elaboración de drogas.

Nunha propiedade contigua, interviñéronse tres macetas, con outras tantas plantas de marihuana, visibles desde a vía pública. Neste caso, o propietario foi denunciado por vía administrativa.

As dilixencias instruídas e as plantas intervidas foron postas ao dispor do Xulgado de Instrución de garda de Marín, onde deberá comparecer a persoa investigada cando sexa requirida pola autoridade xudicial.