
Marine Instruments xa dispón da autorización de AESA -Axencia Estatal de Seguridade Aérea- para a realización de operacións con sistemas aéreos non tripulados fóra do alcance visual, coñecido como operación de voo BVLOS, un permiso que permite realizar operacións de vixilancia con maior alcance e autonomía así como maior flexibilidade e axilidade. A compañía con sede en Nigrán, poderá realizar operacións de vixilancia sen necesidade de solicitar aprobación para cada voo, sendo pioneira a nivel nacional para operacións deste tipo no ámbito marítimo.
Marine Instruments resultou ser adxudicatario a finais do ano pasado dun contrato no ámbito da seguridade e vixilancia marítima a través da Secretaría Xeral de Pesca. Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, para levar a cabo labores de inspección e control pesqueiro en toda a costa española. Alcanzar esta autorización BVLOS foi un proceso rigoroso e esixente, tendo que acreditar o cumprimento de numerosos requirimentos técnicos e de seguridade aérea.
O M5D-Airfox é o avión remotamente tripulado desenvolto por Marine Instruments con autonomía de ata 10 horas, un alcance de 18 millas náuticas, capacidade de despegamento e aterraxe nun barco en movemento, así como en terra e unha pegada de carbono nula. É un dos produtos máis innovadores e ambiciosos de Marine Instruments, que recentemente ampliou os seus horizontes e entrou de cheo no sector público de Pesca, Seguridade e Defensa.
Un ano de probas operativas na Armada e a OTAN
No ámbito militar o M5D-Airfox está a finalizar os últimos fitos da súa participación no programa RAPAZ da Dirección Xeral de Armamento e Material (DGAM) do Ministerio de Defensa. Este programa permitiu adecuar as características do dron ás esixentes necesidades operacionais da Armada.
Por outra banda, o pasado mes de febreiro o M5D-Airfox participou nos exercicios internacionais Cutlass Express 2022 por invitación directa da US Navy completando con éxito diferentes exercicios no Mar Rojo e desde este mes intervén en Portugal nos exercicios REP(MUS) e DYNAMIC MESSENGER convocados pola OTAN.
Actualmente Marine Instruments conta con máis de 150 empregados dos cales un 40% está dedicado ao desenvolvemento de solucións tecnolóxicas avanzadas para o sector pesqueiro, a acuicultura e a seguridade e defensa.