Volve “Parte de ti”, campaña de apoio ao rural

Ante o éxito da campaña “Parte de ti”, que se lanzou fai dous anos, EuRural decide ampliala un ano máis para dar a coñecer as grandes historias que hai detrás dos produtos e servizos da nosa contorna. A presentación tivo lugar na mañá deste mércores no Espazo de Coworking Tribu e contou coas intervencións de Moisés Blanco Paradelo, subdirector de relación cos GDR da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural AGADER, pertencente á Consellería do Medio Rural (Xunta de Galicia), Alejandro Lorenzo, alcalde de O Porriño, Sandra González, alcaldesa de Tomiño e presidenta do Grupo de Desenvolvemento Rural, Juan González, Representante Institucional do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño e Alcalde de Nigrán e Simón Ubeira, un dos produtores que forman parte da campaña.

“Parte de ti” nace co obxectivo de dirixir o apoio ás persoas produtoras, transformadoras e comercializadoras do rural. Trátase, por tanto, dunha campaña enfocada a sensibilizar, concienciar e informar baseándose nas historias dos profesionais que ofrecen os seus produtos e servizos no rural. Cada unha destas historias cóntase en forma de vídeo para achegar a realidade do rural ao espectador. Este ano, ademais, porase o foco tamén en servizos como aloxamentos ou tendas que se ofrecen no rural e nas diferentes experiencias que os visitantes poden desfrutar nas distintas zonas que forman parte do GDR.

Durante a rolda proxectouse o vídeo de presentación da campaña e unha das historias dun dos produtores, Simón Ubeira, de O Alcouve da Moura, un proxecto que naceu fai tres anos coa convicción de poñer en valor os recursos naturais que hai arredor e máis en particular, os terreos de labradío, que son terreos que historicamente sempre estiveron cultivados pero que pola globalización se abandonaron. “Hai futuro na agricultura ecolóxica. Hai futuro na agricultura en xeral. O único que fai falla é vontade, traballo e sobre todo a axuda das administracións”, Simón Ubeira, produtor.

Ademais da historia de O Alcouve da Moura (O Rosal) presentaranse ao longo da campaña outros proxectos coma Tribu Coworking (O Porriño), Ideas Peregrinas (Tui), Lacena Comida Espida (A Guarda), Artesanía Granlei (Mos), Cervexas Trisk-Ale (Nigrán), Panadaría Copena (Gondomar), Tia Estébana Micromercado Selecto (Redondela), O Alto da Pousa (Tomiño) e Noelia Bebelia (Soutomaior).

A Asociación de Desenvolvemento (Galicia Suroeste Eurural) é unha entidade sen ánimo de lucro formada por todo o tecido asociativo que hai nos concellos de Fornelos de Montes, Pazos de Borbén, Redondela, Mos, O Porriño, Tui, Tomiño, O Rosal, A Guarda, Oia, Baiona, Nigrán e Gondomar máis os propios concellos e entre todos encárganse de elaborar unha estratexia de desenvolvemento rural para todo o territorio. Esta mesma entidade xestiona o Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño que incorpora nas súas actividades ao concello de Soutomaior.

O proxecto forma parte das medidas de animación e promoción territorial da Submedida Leader 2014 – 2020 do PDR de Galicia, que xestiona o GDR a través dun convenio de colaboración coa Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, e cuxa financiación procede nun 75% da Unión Europea a través do Feader, nun 2,5% do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e nun 22,5% da Xunta de Galicia a través da Consellería do Medio Rural. Nesta edición o proxecto tamén se financia en parte a través do convenio de colaboración entre o xeodestino e Turismo de Galicia.

“Queremos incidir no alcance que teñen as nosas decisións diarias como consumidores e consumidoras. Accións da nosa vida cotiá como mercar o pan, unhas flores, un agasallo, un viño… son importantes para que o noso rural siga adiante”, asegurou Sandra González, presidenta do GDR e alcaldesa de Tomiño. “Oxalá todos poidamos ter unha “parte de ti”, unha parte de vós, de todos os emprendedores porque iso significa potenciar o local”, Alejandro Lorenzo, alcalde de O Porriño.

“As achegas de todos os emprendedores co seu traballo son fundamentais para seguir xerando oportunidades no rural”, Juan González, alcalde de Nigrán e representante institucional do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño. “Esta iniciativa é moi importante para poñer en valor o traballo, a proximidade e a ilusión que poñen todos os emprendedores do rural”, Moisés Blanco, subdirector de relación cos GDR de AGADER, Consellería do Medio Rural (Xunta de Galicia).