Lotería Nacional dedica o décimo do 29 de setembro ao 75 Aniversario da Zona Franca de Vigo

O presidente de Loterías e Apostas do Estado, Jesús Huerta, e o delegado do Estado na Zona Franca de Vigo, David Regades, presentaron hoxe o décimo de Lotería Nacional do xoves 29 de setembro, dedicado a conmemorar o 75 Aniversario da Zona Franca de Vigo.

O décimo do devandito Sorteo aparece ilustrado con seis imaxes dos parques empresariais que conforman a Zona Franca de Vigo: Zona Franca de Bouzas, Porto Do Molle, Balaídos e A Granxa, así como o Parque Tecnolóxico e Loxístico e a Plataforma Loxística e Industrial. Enmarca a capela a lenda: “75 aniversario. Zona Franca Vigo. 1947 – 2022”.

Con este décimo Loterías consolida o seu compromiso coas institucións e entidades que forman parte do Estado e que impulsan o progreso socioeconómico. Neste caso, pon en valor tanto o 75 aniversario da Zona Franca de Vigo, unha entidade dependente do Ministerio de Facenda e Función Pública (do que tamén depende Loterías), como o seu papel para potenciar e revitalizar o desenvolvemento económico no noroeste do noso país.

Para o Sorteo de Lotería Nacional do 29 de setembro puxéronse á venda un total de 6 millóns de décimos nos puntos de venda de Loterías, o que permitirá coñecer en toda España o importante rol que leva a cabo a Zona Franca de Vigo. O Sorteo repartirá 12,6 millóns de euros en premios, entre os que destacan un primeiro premio de 300.000 euros á serie ou un segundo de 60.000 euros á serie.

Zona Franca de Vigo é unha institución pública dependente do Goberno de España, que desde 1947 traballa para potenciar o comercio internacional e o desenvolvemento económico. Administra unha zona franca con todas as vantaxes para Import/Export, é o principal promotor de infraestruturas empresariais, promove a innovación e o emprendemento e xestiona un volume de activos 520 millóns de euros. Os seus seis parques empresariais (Balaídos, Bouzas e PTL en Vigo, A Granxa en Porriño, Porto do Molle en Nigrán e Plisan en Salvaterra-As Neves) contan con 8 millóns de metros cadrados. Alí están asentadas 705 empresas que empregan a máis de 20.000 persoas.