A urbanización da Pasaxe reactivarase este mesmo ano

A fase un de urbanización do parque empresarial da Pasaxe en Gondomar, paralizada hai agora un ano tras a denuncia interposta pola Asociación-Plataforma de Afectados polo Polígono A Garrida-Pasaxe, podería reactivarse este mesmo mes. Así o asegurou o presidente da Asociación de Empresarios da Pasaxe, Javier Díaz, que explicou que están a tan só un informe para poder retomar as obras que lles permitirán regularizar a situación do complexo de empresas, inmerso nun limbo desde a súa construción en 1964. Segundo informou a este diario, tras recibir o de Gondomar e Vigo, están pendentes do documento de Medio Ambiente que dea o visto e prace ás modificacións do proxecto esixidas na sentenza emitida por Contencioso Administrativo Nº2 de Vigo o 30 de agosto de 2021, que contemplan a protección do río Calvo, de elementos patrimoniais e do Túnel da Garrida, así como a implantación dunha zona arborizada que divida a zona residencial da industrial, todo iso recollido en novo informe de impacto ambiental e tramitado como un plan urbanístico e non sectorial, tal e como se aprobou en pleno.

Este avance foi posible grazas ao acordo rubricado en novembro entre Agapa e empresarios, que acordaron, de boa fe, abandonar a vía xudicial a cambio de acatar as esixencias da plataforma. A pesar de todo, o Concello de Gondomar presentou un recurso de apelación a fin de salvar a situación e que finalmente foi desestimado polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (Sala do Contencioso) en xullo deste ano, dando unha vez máis a razón a Agapa.

Os pasos a seguir unha vez teñan o documento na man son relativamente sinxelos, o alcalde Paco Ferreira deberá de informar no pleno a adxudicación do proxecto á empresa Copasa, gañadora do concurso en setembro de 2021, que podería empezar no prazo de mes e medio sen ter que repetir o proceso. A urbanización da Pasaxe conta con dúas fases. A primeira, sobre 205.000 metros cadrados de terreo asignada por 2,8 millóns de euros logrados grazas á fórmula de cooperación entre todos os empresarios. A segunda parte correrá por conta do Consorcio de Zona Franca de Vigo. Esta realizarase mediante expropiacións e paralelamente ás tramitacións iniciadas desde o Concello, que triplicarán a superficie útil existente na actualidade e por un valor que roldará os 20 millóns.