
Nunha operación conxunta da Garda Civil das Comandancias de Pontevedra e Ourense, procedeuse á detención de 8 persoas e á investigación doutra, pola comisión de numerosos delitos de roubos con forza en igrexas e vivendas situadas principalmente en Ourense e Pontevedra, non descartando a participación noutras provincias, así como no norte de Portugal, recuperando numerosos obxectos de valor artístico e histórico.
Os Grupos de Patrimonio das Policía Xudicial da Garda Civil das dúas provincias, que denominaron a esta operación como “Cinquecento-Templo Sacro”, iniciaron a investigación a principios do mes de marzo deste ano, ao detectarse roubos con forza en templos relixiosos e vivendas tipo “Pazo”, cometidos dunha forma moi similar, subtraendo antigüidades e outros obxectos catalogados de valor artístico e histórico para o patrimonio histórico de Galicia e outros obxectos de interese cultural para a liturxia da igrexa.
Unha parte deles dedicábase a levar a cabo os roubos e outros recibían os efectos e introducíanos no mercado a través de establecementos abertos ao público e as súas redes de contactos. Tras a detención destas persoas á primeira hora do día 14, practicáronse 11 rexistros en domicilios e outros inmobles nas dúas provincias citadas, dando como resultado a intervención de numerosas antigüidades, documentos relevantes para a investigación, material informático, telefonía, así como diñeiro en efectivo.
Polo momento foron esclarecidos máis de 20 roubos, recuperando 117 obras de arte sacra dos séculos XVI ao XVIII (tallas de madeira policromada), 21 ornamentos litúrxicos, 3 libros misais do século XVII, 7 casullas eclesiásticas, 5 armas de fogo históricas, así como ferramentas para a comisión dos ilícitos. Como efecto relevante indícase que se recuperou unha talla da virxe do Carme, de escola castelá, cunha iconografía singular, datada do ano 1650 aproximadamente, cun valor superior aos 30.000 euros, coñecendo soamente a existencia de tres en toda Galicia.
Para a catalogación, valoración e recensión dos efectos colaboraron nos rexistros, Técnicos de Patrimonio Histórico da Xunta de Galicia e sacerdotes da Diocese de Santiago de Compostela. Así mesmo contouse coa colaboración da USECIC, patrullas de seguridade cidadá, SEPRONA de ambas as dúas provincias, así como o GRS de Pontevedra. A instrución da causa realízaa o Xulgado de Instrución DOUS de Carballiño (Ourense) e a Fiscalía da Audiencia Provincial de Ourense.
Tres dos detidos quedaron en liberdade en sede policial e os cinco restantes foron postos a disposición xudicial na mañá do venres, día 16, deles dous ingresaron en prisión, un terceiro ingreso en prisión baixo fianza, e os outros dous quedaron en liberdade con cargos. A investigación continúa aberta pendente de pescudar a procedencia de todos os efectos intervidos e de realizar o estudo do valor artístico e histórico dos mesmos, que se atopan custodiados na Comandancia da Garda Civil ao dispor da Autoridade Xudicial.
As persoas ou entidades que consideren que pode haber algún obxecto da súa propiedade, deberán dirixirse ao teléfono 986 807900, extensións 1540307 e 1540327, de 9:00 a 14:30 horas, para solicitar cita previa.