Nigrán inviste 15.000 € na total renovación do comedor do CEIP da Cruz en Camos

O alumnado do CEIP A Cruz, en Camos, estreou no seu primeiro día de curso un comedor totalmente renovado e acorde á contorna natural deste colexio. Con este obxectivo, o Concello de Nigrán emprendeu este verán obras por valor de 15.000 € a cargo da empresa local Prado Sanromán Interiorismo. Os traballos implicaron deixar o espazo diáfano con portas acristaladas, renovación de todo o mobiliario (lacado de cadeiras e mesas e novas encimeiras e armarios), pulido do chan, novo falso teito con incorporación de luces LED, pintado de toda a habitación con zonas en papel e un gran mural con motivos animais presidindo o espazo, no que tamén destacan as plantas naturais.

“A dirección do centro pediunos este investimento porque o lugar resultaba xa moi obsoleto, escuro e pouco motivante, así que aproveitamos o verán para non interferir non normal funcionamento do centro”, explica o alcalde, Juan González, quen incide en que “o complemento que falta é que a Xunta obrigue ao cátering de A Estrada que sirve aos colexios de Nigrán a que empregue a nova cociña escolar municipal construída polo Concello no CEIP Humberto Juanes para que mellore a calidade do servizo”.

“Tiñamos un comedor anticuado e feo e gañamos un espazo con moita luz natural, alegre, cheo de cores, plantas e un gran mural, así que agora si que é un espazo acorde á nosa contorna e aos nosos valores”, subliña Iria Aguiar, directora deste centro educativo no que 80 alumnos empregan o comedor entre o total de 93 matriculados.

Adicionalmente, o Concello instalou unha nova caldeira por importe de 5.741 € ante os constantes problemas coa antiga, que xa acadara a súa vida útil.