A Confraría de Baiona beneficiarase dunha subvención da Deputación

O Goberno da Deputación vén de dar luz verde ás subvencións dirixidas ás confrarías da provincia como aposta polo sector primario e nas que a institución inviste un orzamento de case 250.000 euros. Estas achegas beneficiarán neste 2022 a 19 confrarías de 17 concellos, en concreto radicadas en Baiona, Bueu, Cambados, Cangas, O Grove, A Guarda, A Illa de Arousa, Moaña, Poio, Pontevedra, Redondela, Sanxenxo, Soutomaior, Vigo, Vilaboa, Vilagarcía e Vilanova de Arousa. Entre outras cuestións, as entidades destinarán estas axudas á adquisición de vehículos, material informático, distintos equipamentos necesarios para a súa actividade e investimentos para aforro enerxético ou videovixilancia.

A Deputación facilita con estas achegas que estas entidades poidan afrontar cuestións como a comercialización e a valoración de producións; o desenvolvemento de accións de formación técnica entre as súas persoas asociadas; o uso das novas tecnoloxías e das enerxías renovables e o aforro enerxético, así como a súa divulgación ou a adquisición de material para a vixilancia. Amais, tamén poden costear investimentos para a mellora dos servizos, en construcións, equipos, elementos de transporte, instalacións, reparacións e mantemento dos locais e as lonxas. E tamén contemplan o financiamento de equipamentos e sistemas informáticos, mobiliario e outros investimentos que sirvan para mellorar os servizos que prestan estas entidades. Nas bases puntúase, entre outras cuestións, a porcentaxe de mulleres que integran os órganos reitores das entidades solicitantes ou os investimentos en proxectos innovadores.

Na comarca de Vigo, a Confraría “La Anunciada” de Baiona destinará a súa achega á adquisición de material de vixilancia, ordenadores, mobiliario e reparación de lancha. En Redondela a Confraría de San Juan poderá costear material de vixilancia, ordenadores e software da plataforma Xesmar e, en Soutomaior, serán dúas as entidades beneficiadas: a Confraría Virgen del Carmen poderá comprar material de vixilancia e gastos para mellora de servizos e a Federación Provincial de Confrarías de Pontevedra destinará a partida á celebración de xornadas formativas sobre tramitacións electrónicas. Amais, en Vigo, a Confraría San Francisco financiará adquisicións varias e a reparación dun pantalán.