O tripartito de Baiona rexeita implantar o sistema de préstamo gratuíto de biotrituradoras aos veciños

O grupo municipal popular de Baiona atopouse no pleno de onte co rexeitamento do tripartito para comprar biotrituradoras que permitan aos veciños, de forma gratuíta, poder xestionar os seus residuos vexetais mediante o sistema de préstamo. O PP presentou unha moción con esta iniciativa que xa funciona na maioría dos concellos e mancomunidades de Galicia con gran éxito, pero desde o goberno local votaron en contra “sen xustificación coherente”.

O PP mostra a súa sorpresa ante esta negativa do goberno local a unha proposta cuxo custo non é elevado e que supoñería un beneficio moi importante para o medio ambiente e para a propia cidadanía. A realidade e os datos de todos os concellos de Galicia que manteñen activo este servizo constatan que o uso destas biotrituradoras supuxo unha redución do número de queimas e minimizou, por tanto, o risco de incendio e de contaminación ambiental. Ao mesmo tempo, evítase que este tipo de residuos finalice no circuíto de lixo, o que redunda nunha redución dos custos de recollida e loxística. O resultado é un produto con valor engadido, útil para compostaxe e moi beneficioso para o cultivo.

Para os populares, é un sen sentido que uns partidos (PSdeG, BNG e NOS) que predican defender o coidado do medio ambiente néguense a apoiar iniciativas tan beneficiosas como esta simplemente porque parte do PP. Aínda que desde o grupo municipal consideran que a este partidismo ao que afai o goberno local súmanse as poucas ganas que teñen o alcalde e o seu equipo por traballar na redacción dunha ordenanza que regule este sistema de préstamo. “É o colmo do deixamento, nin propoñen nin aceptan propostas”, critican desde o PP local.