Andainas polo rural organizadas por Lucenza-Ateneo de Nigrán

FOTO: CONCELLO DE NIGRÁN

Lucenza-Ateneo de Nigrán arranca, con andainas polo rural das parroquias do interior, as actividades previstas para este outono. A primeira andaina, que terá lugar o sábado 17 de setembro ás 17:00 horas, centrarase nun percorrido guiado polo val alto e medio do río Muíños. As persoas interesadas deben acudir ao torreiro da capela de San Roque de Camos para, dende alí, desprazarse en vehículos ata Pracíns, lugar de saída desta camiñada. Todos os detalles da actividade pódense consultar na páxina de Facebook http://www.facebook.com/lucenzaateneonigran.

A segunda andaina, que se realizará o sábado 1 de outubro pola tarde, percorrerá outeiros, miradoiros e lugares de interese situados entre Chandebrito e San Roque de Camos. Aproveitaranse estas camiñadas para coñecer sectores do territorio menos frecuentados, identificar valores do patrimonio cultural, natural e paisaxístico destas zonas e reflexionar sobre algunhas problemáticas que afectan aos recursos naturais e o territorio.

Estas andainas e outras actividades que se van poñer en marcha por parte de Lucenza nos vindeiros meses, forman parte do programa “Coidar o territorio”, que pretende contribuír a un maior coñecemento do municipio polos seus habitantes e a espertar un crecente interese e compromiso social a favor da súa xestión sostible e a conservación dos seus recursos.

Serán obxectivos deste programa aspectos como a divulgación de información sobre o espazo municipal e as súas parroquias, a análise do territorio, a identificación e valorización dos recursos naturais, culturais e paisaxísticos existentes ou a reflexión e o debate sobre as potencialidades do municipio e as problemáticas que lle afectan.

Así, xa dende este mesmo outono e de cara aos vindeiros anos, Lucenza comezará a desenvolver actividades diversas, como conferencias, mesas redondas, debates, documentos divulgativos, percorridos de interpretación ambiental e patrimonial, actos reivindicativos e de voluntariado e intervencións socioeducativas e de sensibilización dirixidas a diferentes colectivos do municipio.